Unha canteira ameaza a contorna do túnel romano de Montefurado

Lugar onde se instalaría a mina a carón de Anguieiros
Veciñas e veciños dos lugares dos Anguieiros e Vilanuide (parroquia de Montefurado en Quiroga) e Enciñeira rexeitan o proxecto de canteira de lousa a carón do túnel romano de Montefurado e de tres castros. O alcalde e a oposición municipal tamén se opoñen ao proxecto.

 

A veciñanza de varios lugares e parroquias dos concellos de Quiroga (Lugo) e Larouco (Ourense) descubriu hai uns días que no seu entorno hai prevista unha explotación mineira de lousa. “Foi por casualidade”, asegura Xosé Manuel Fernández, presidente da Asociación “Boca do Monte” dos Anguieiros, un dos lugares afectados. Esta asociación leva varios anos traballando pola recuperación social, patrimonial e cultural da zona (reportaxe dispoñíbel no nº 9 de Sermos Galiza) e teme que unha canteira bote abaixo todo o esforzo. “É unha zona dun alto interese histórico e paisaxístico onde unha explotación deste tipo sería a fin da repoboación e rehabilitación da zona”. Segundo Xosé Manuel Fernández hai uns anos realizáronse estudos sobre a viabilidade dunha explotación deste tipo mais ninguén informou dos seus resultados. “E estes días descubrimos sorprendentemente que a concesión administrativa está xa librada e a explotación en marcha”, denuncia o presidente desta asociación.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, afirmou que o concello "está en contra de que se deteriore a imaxe do municipio" e asegurou que pola súa parte a oposición será "total" mesmo denegándolle a licenza á empresa promotora. "Non temos constancia de que tipo de canteira, mesmo se creará ou non algún emprego, e non estamos dispostos, despois dun esforzo económico importante dentro das nosas posibilidades, a que se elimine cun impacto visual unha zona de alto valor turístico e patrimonial". Neste sentido lembrou os miradoiros que se situaron na parroquia dos Anguieiros e noutras actuacións que se realizaron para facilitar a visita do turismo nesas parroquias. O alcalde indicou que a súa oposición a esta canteira "dentro das súas posibilidades" terá a súa resposta na xustiza.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, afirmou que o concello "está en contra de que se deteriore a imaxe do municipio"

O BNG de Quiroga mantivo hai uns días unha reunión de urxencia convocada polas redes sociais e que contou con moita participación. “A xente está preocupada e faremos un seguimento deste tema pola alarma que está a crear nesas parroquias”. Xavier Castro, voceiro nacionalista en Quiroga, enterouse pol@s veciñ@s deste proxecto e solicitou todo tipo de información tendo en conta que no lugar, ademais do túnel romano, existen tres castros. “Hai moito secretismo e temos problemas para obter información, algo curioso cando o alcalde adoita poñerse medallas cando aterran proxectos de canteiras que poidan significar empregos”. En relación a este último punto Castro pensa que a posta en valor e difusión do patrimonio de Quiroga pode crear máis traballos que unha explotación mineira. O BNG convocou unha reunión aberta a veciños e veciñas no seu local de Quiroga para este domingo 2 de decembro e non descarta levar a cuestión ao Parlamento galego. “Non podemos quedarnos cunha contestación do alcalde aos medios de comunicación, a nosa xeración non pode ser a responsábel de destrozar o monte nun lugar de tanto valor patrimonial”.

O BNG convocou unha reunión aberta a veciños e veciñas no seu local de Quiroga para este domingo 2 de decembro e non descarta levar a cuestión ao Parlamento galego

Petición de sinaturas

Desde un dos lugares afectados, Vilanuide, abriuse en internet un blog onde se informa sobre esta canteira e tamén unha petición de sinaturas que pensan entregar á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta e ao propio concello de Quiroga. Na petición explícase que as “explotacións de lousa a ceo aberto que están a punto de iniciar nas proximidades do Túnel Romano de Montefurado (Lugo) danarán de xeito irreparábel o entorno natural da zona”. A páxina conta agora mesmo con máis de oitocentos apoios. Segundo formulan na páxina habilitada para recoller todo tipo de información e apoios, que se pode consultar aquí, “o concello é a única institución que, a estas alturas, pode frear a explotación de lousa se se opón ao proxecto”.

Declaración de impacto ambiental

A explotación mineira presentou a estudo a declaración de impacto ambiental en febreiro de 2009, pouco antes do cambio de goberno na Xunta de Galiza. Os trámites remataron en xaneiro de 2012 coa aprobación definitiva. Polo camiño a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas publicou no DOG núm. 17, de 27 de xaneiro de 2010 a información pública o estudo de impacto ambiental e asegura "non ter constancia da presentación de alegacións".

No tempo que ten lugar o período de consultas solicítanse informes ás direccións xerais de Industria, Enerxía e Minas; do Patrimonio Cultural; de Conservación da Natureza; de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria; de Urbanismo, e de Montes e Industrias Forestais, ao órgano de conca, aos concellos de Quiroga e Larouco, á Sociedade Galega de Historia Natural e á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). Segundo informa o DOG de maio de 2012, este mesmo ano entran na consellaría, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o expediente que inclúe os resultados de exposición pública e os informes solicitados, a excepción dos informes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

"Non nos consta esta petición de informe medioambiental". Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, asegura que solicitarán información e revisarán o expediente "para ver como artellar unha resposta social neste caso concreto".