Unha acción rexeita na Coruña os 29 asasinatos de mulleres rexistrados no que vai de ano

[Imaxe: Ve-la Luz]

A contrarreforma do Código penal que prepara Gallardón abre a porta á mediación para evitar o xuízo, cualificará as inxurias como faltas, permitirá substituír por multas as penas de cárcere e non considerará agravante que as mulleres sexan agredidas en presenza d@s fill@s


Contra os 29 asasinatos de mulleres que a asociación Ve-la Luz leva contabilizados no Estado español no que vai de ano mobilizáronse este domingo na Coruña ducias de persoas. Rexeitaron, máis unha vez, a violencia machista enfatizando que "cada vez que matan unha muller morremos todas".

O silencio como cómplice dos malos tratos, a falta de implicación da sociedade en xeral e dos poderes políticos en particular e que interpoñer unha denuncia non é a panacea para resolver este problema político foron algunhas das cuestións que se reivindicaron no acto.

Así as cousas, a presidenta de Ve-la Luz, Gloria Vázquez, puxo como exemplo desta última cuestión última muller asasinada, a sexta feira en Cantabria. Denunciara o seu compañeiro en decembro de 2011 e el foi condenado a setenta días de traballos en beneficio da comunidade e a prohibición de se achegar a menos de 300 metros por ter mallado nela durante unha discusión.

Porén, a Audiencia provincial absolveuno un ano despois dos feitos, após presentar el un recurso. Entón ela interpuxo unha demanda de divorcio e, perante o xuízo datado para o 20 de marzo, cinco días antes o matrimonio, de común acordo, aceptou un proceso de mediación e retirou a demanda de divorcio. Dous meses máis tarde matouna. 

A "trampa mortal" que as mulleres atopan nos xulgados cando deciden denunciar unha situación de violencia machista, onde lles "incrustan" a mensaxe de que "denunciar malos tratos é igual a perder a custodia dos fillos", foi outra das cuestións de que se queixou Ve-la Luz, facendo fincapé en que a Lei integral de violencia de xénero non se cumpre e que moitas veces "é cualificada como innecesaria en nome dunha falsa igualdade que pretende silenciar esta forma de terrorismo".

Aliás, rexeitáronse as medidas emprendidas desde os gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP, tendentes a recortar máis aínda nos dereitos das mulleres, nomeadamente a dentallada do 25% que a Xunta lle meteu ao salario da liberdade.

Código penal: elimina o termo 'violencia de xénero' e introduce a mediación

Se a Lei integral contra a violencia machista aprobada en 2004 non se está a cumprir, a contrarreforma do Código penal que prepara o ministerio de Xustiza é un ataque directo aos seus piares fundamentais e á protección das mulleres en situación de malos tratos.

Así, para alén de se eliminar calquera referencia ao terrorismo machista, as inxurias serán cualificadas como falta e desaparece a agravante de que o delito se cometa en presenza das crianzas. Aliás, presentar un parte de lesións non servirá para nada se non existe unha denuncia previa, as penas de cárcere poderán ser substituídas por multas nalgúns casos e ábrese a porta á mediación para evitar o xuízo.