Unanimidade no Parlamento polo indulto do ex presidente dos percebeiros de Lira

Veciñanza de Lira (Carnota) mobilízase a prol do indulto de Manuel Martínez Lustres hai unhas semanas. Foto: BNG de Carnota.

Unha proposición non de lei presentada polo BNG derivou no apoio unánime do Parlamento de Galiza á petición de indulto do ex presidente dos percebeiros de Lira (Carnota), Manuel Martínez Lustres, condenado a tres anos de prisión por un incidente cun furtivo.
 

Os feitos sucederon en 2013. Un grupo de percebeiros que traballaban legalmente en Lira bateu cuns furtivos. Dous días despois, estes últimos, segundo relatou a deputada nacionalista Montse Prado, atoparaon a Martínez no seu caseto “para ameazalo e intimidalo”. Este defendeuse “dunha agresión máis que segura e feriu un dos atacantes”.

 

O ferido tardou meses en recuperarse e o propio ex presidente dos percebeiros pagou a súa asistencia sanitaria.

 

A iniciativa do Bloque recadou o apoio de En Marea, PSdeG e PP. Os propios veciños e veciñas de Martínez Lustres mobilizáronse a prol do indulto do percebeiro.