Aparece morto un traballador que tallaba árbores en Ferreira de Pantón

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
O persoal sanitario non puido facer nada por salvar a vida do operario, que foi atopado nun monte próximo á LU-P-4103.

Un traballador foi achado morto este sábado nun monte próximo á localidade de Ferreira de Pantón (Comarca de Lemos). O home realizaba tarefas de talla de árbores na zona.

Segundo avanzou o 112 en redes sociais, o persoal sanitario non puido facer nada por salvar a vida do operario, que foi atopado nun monte próximo á LU-P-4103.

Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, o alertador indicou que o operario, que realizaba talla de madeira nun monte próximo á LU-P-4103, foi atopado inconsciente.

O suceso

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que se desprazaron até o lugar cunha UVI móbil para prestar asistencia ao implicado.

Desafortunadamente, unha vez no punto, o equipo médico tan só puido confirmar o seu falecemento.

Deste modo, para tratar de aclarar as circunstancias do suceso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza pasaron aviso aos axentes da Garda Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 polos efectivos das forzas da orde, o traballador faleceu tras caerlle encima unha árbore.