Medio Rural reduce o número de hectáreas calcinadas no incendio de Vilar de Santos a 15

Imaxe de arquivo da veciñanza en labores de extinción dos incendios. (Foto: Nós Diario)
O abundante vento está a dificultar os labores de extinción.

*Actualizado ás 18.41 horas

A comarca da Limia sofre un novo incendio. Neste caso, no concello de Vilar de Santos, onde un lume orixinado ás 13 horas deste domingo queimou polo de agora unhas 15 hectáreas, segundo as estimacións da Consellaría de Medio Rural.

Nun primeiro momento, a Consellaría de Medio Rural estimara unha extensión de terreo ardido dunhas 20 hectáreas, pero esta cifra viuse reducida.

Medio Rural alerta da virulencia deste lume, xa que en apenas un par de horas a súa extensión queimada aumentou considerabelmente.

As condicións climatolóxicas nesta zona da comarca da Limia, coa ausencia de precipitacións e a presenza dun abundante vento, estarían a dificultar os labores de extinción das chamas, aínda que o Goberno galego matiza que a situación está a evolucionar de maneira favorábel.

Até o concello de Vilar de Santos desprazáronse tres axentes, once brigadas, cinco motobombas, unha pa, oito avións e seis helicópteros.