Un IES da Coruña imparte aulas na rúa contra a LOMCE

[Imaxes: Lía Domínguez]

Un debate ao redor do ensino como dereito fundamental e a agresión que contra el supón a contrarreforma educativa que hai unha semana sacou adiante o Goberno español centraron a xornada reivindicativa que se repetirá con outros institutos antes de que remate o curso


O alumnado da ESO, bacharelato e ciclos formativos do IES Urbano Lugrís recibiu as aulas desta quinta feira na rúa. Protestaban contra a aprobación da lei orgánica chamada 'de mellora da calidade educativa', a LOMCE, á que o Consello de ministr@s deu luz verde na sexta feira 17 de Maio.

Organizad@s en varias mesas redondas, debateron ao redor dos distintos puntos da lei "que supoñen unha agresión en contra do ensino público como dereito fundamental e como garantía da igualdade de oportunidades", tal e como explica Davide Loimil, profesor de Xeografía e Historia neste centro educativo. 

A centralización e os efeitos negativos que para a Galiza terá que máis da metade do currículo educativo o decidan en Madrid; a importancia que se lle concede á materia de relixión, equiparándoa con outras como as matemáticas ou as ciencias e que vai computar tanto para pasar de curso como para a obtención dunha bolsa de estudos; ou a perda de posicións do galego e das linguas propias do Estado, sendo os propios centros os que decidan cantas horas lle dedican á súa ensinanza. Son algúns dos temas que se tocaron no debate. "O que máis lles intererou foron as reválidas e a carreira de obstáculos que se lles presenta", acrecenta Loimil. 

O suceso da xornada reivindicativa e a implicación de profesorado e alumnado foi tal que antes de que remate o curso repetirán a acción, desta volta coordinándose entre varios centros educativos da cidade.