Falece un condutor tras saír despedido do seu vehículo despois de chocar contra un camión en Rodeiro

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
Os feitos ocorreron no quilómetro 13 da PO-212, en Negrelos, Rodeiro, e no momento do suceso o camión non levaba carga a bordo.

Grave accidente na mañá desta cuarta feira na localidade de Rodeiro (comarca do Deza) despois de que un condutor saíse despedido do seu vehículo tras chocar contra un camión de transporte de perda.

Trátase de C. L. M., de 44 anos de idade que acabou por falecer a pesar de ser atendido polo helicóptero de emerxencias que non puido facer nada para lle salvar a vida.

Foi un particular o que alertou ao 112 Galiza minutos antes das 08.15 horas, informando de que unha persoa estaba tendida no chan porque saíra despedida como consecuencia de chocar coa súa furgoneta contra un camión.

Os feitos ocorreron no quilómetro 13 da PO-212, en Negrelos, Rodeiro, e no momento do suceso o camión non levaba carga a bordo. Foron os propios membros de Protección Civil de Lalín os que solicitaron asistencia médica urxente para o ferido.

Por iso, deuse aviso ao servizo de urxencias sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento de estradas. Tamén se informou aos bombeiros de Silleda, ao GES de Lalín e a Protección Civil de Rodeiro.

Unha vez no punto, os sanitarios prestaron asistencia ao ferido, que foi evacuado.

Accidente en Muros

Por outra parte, unha persoa tivo que ser excarcerada no municipio de Muros despois de envorcar o seu vehículo na DP-5305, en Esteiro.

Tras ter coñecemento dos feitos, o 112 Galiza informou a urxencias sanitarias, ao GES de Muros e á Garda Civil, así como aos Bombeiros de Cee e a Protección Civil de Muros.

A única ocupante do coche tivo que ser excarcerada polos membros do GES, para retirala, consciente, pola parte traseira do coche. Tras iso, foi trasladada a un centro hospitalario.