Un profesor será xulgado en Pontevedra por agresión sexual a dúas alumnas menores de idade

Imaxe de arquivo dun xuízo na Audiencia pontevedresa. (Foto: Europa Press).
O fiscal pide para o home oito anos e tres meses de prisión polos dous delitos de abuso sexual ás menores, así como que se manteña afastado delas por un período entre cinco e oito anos.

A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará a vindeira quinta e  sexta feira un profesor de matemáticas dunha academia privada acusado de abusar sexualmente de dúas alumnas mentres eran menores de idade.

No caso dunha das alumnas, recolle o escrito de acusación fiscal, os feitos sucederon entre outubro de 2012 e xuño de 2015, cando, supostamente, o profesor lle realizaba tocamentos e a bicaba sen o seu consentimento. A moza denunciou en 2020, cando xa era maior de idade.

Á segunda alumna agredida, apunta o Ministerio Público, o acusado enviáballe " frecuentes mensaxes de WhatsApp con explícito contido sexual e bicábaa sen o seu consentimento". Neste caso, os feitos sucederon en 2018 e 2019 e foi a nai da vítima a que denunciou en 2020.

Penas de prisión

O fiscal pide para o home oito anos e tres meses de prisión polos dous delitos de abuso sexual ás menores, así como que se manteña afastado delas por un período entre cinco e oito anos. Tamén reclama que sexa inhabilitado para exercer como profesor durante seis anos e para calquera traballo relacionado con menores de idade por un período de 10 anos.

Para alén diso piden para a primeira das vítimas 18.000 euros e 15.000 euros para a segunda.