DEPORTE?

Un centro social de Fornelos volve acoller un curso de caza para menores de idade

A asociación animalista Libera denunciou perante o Valedor a organización desta xornada formativa enfocada a nenas e nenos ao entender que se lles amosa "unha imaxe dulcificada dun deporte baseado na morte". É o segundo ano que o local abre as súas portas para a celebración deste evento

A Asociación Animalista Libera trasladoulle nesta quarta feira ao Valedor do Pobo a súa denuncia contra a organización dun curso de caza "dirixido especialmente a menores de idade" que se impartirá nun centro social, A Laxe, no concello de Fornelos de Montes. Non é a primeira edición, pois a mesma actividade, organizada pola Sociedad Deportiva de Caza y Pesca, celebrouse en xullo do ano pasado.

Alén de empregar a foto dun neno no cartaz con que se anuncia esta actividade, que Libera cualifica como "cruenta, sanguinolenta e violenta", o programa aparece na páxina web da Federación Galega de Caza, entidade que colabora na xornada e que recibe subvencións da Xunta de Galiza.

As e os animalistas manifestaron a súa sorpresa pola organización dun curso desta tipoloxía no noso país, pois amosa unha imaxe "dulcificada" da caza "mostrando ao cazador como protector da natureza e defensor dos animais", e pretende formar "unha idea equivocada" entre as crianzas, xa que a Lei de Caza non permite que se practique esta actividade até os 16 anos. Cómpre sinalar aquí que esta normativa sufriu unha modificación a comezos do 2012, cando o daquela conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presentou o Anteproxecto en que se rebaixa aos 14 anos a idade mínima requirida para obter unha licenza co obxectivo de "garantir o relevo xeracional".

Precisamente neste relevo "que non parece chegar", segundo valoran desde Libera, é no que se escuda a organización do curso, á que lle preguntan de xeito retórico se pensan amosar tamén nos vindeiros cartaces as imaxes tomadas "despois de disparar sobre un ser vivo, a verdadeira realidade dun deporte baseado na morte".

Polo momento, o programa inclúe relatorios como A montería, diferenzas co gancho, unha modalidade "especialmente violenta" en que se empregan cans; ou Cría de coellos en semiliberdade, que demostra como a caza acaba coas especies salvaxes e fomenta a repoboación do monte con animais criados en granxas. A oferta formativa remata cunha clase práctica no Monte Suído.