Editorial Sermos287: Un 8 de marzo histórico

Imaxe dunha mobilización feminista

Aínda non comezou e a xornada do 8 de marzo, Día da Internacional da Muller Traballadora, xa é todo un éxito. Éo porque antes de que tivese lugar a greve conseguiuse o seu obxectivo: a difusión das razóns para secundar o paro internacional de mulleres. Unha folga que racha co cinismo de quen nos felicita o 8 de marzo, de quen se limita a convocar minutos de silencio ante os asasinatos machistas e de quen aproba plans baleiros de contido.

 

Non esquecemos que, após o Día da Muller, seguiremos a sufrir os efectos do patriarcado: cobramos menos que os homes polo mesmo traballo; sufrimos a precarización; temos máis dificultades para accedermos a postos directivos; contamos con pensións máis baixas; asumimos unha dupla xornada laboral (dentro e fóra do fogar); somos nós as que seguimos a pedir as excedencias para coidar dependentes ou crianzas; padecemos acoso na rúa, na casa, no traballo; mátannos, polo simple feito de sermos mulleres.

 

Para Sermos Galiza, o 8 de marzo son todos os días, porque o xornalismo ten que ser feminista. Así o practicamos. Non por acaso traballamos por incorporar a perspectiva de xénero nas nosas páxinas, por representar as mulleres de maneira simétrica en relación aos homes tanto na información como na opinión ou por incluírmos a linguaxe inclusiva nos contidos asinados por membros da redacción.