Os satélites duplican as hectáreas calcinadas nos incendios que notificou a Xunta: máis de 125.000
Os lumes que desde hai 10 días afectan Galiza non ceden, e xa son máis de 69.000 as hectáreas queimadas, segundo a Consellaría do Medio Rural. Unha cifra que supera a dos incendios de 2017 e de 2022, cando arderan algo máis de 51.000 e 62.000 hectáreas, respectivamente. Porén, a información dada polo satélite Copernicus da Unión Europea detectaba máis de 125.000 no que vai de mes. Até hoxe os grandes focos seguen activos, como no caso de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, ou no de Oímbra e Xinzo de Limia. Na provincia de Ourense segue activado o nivel 2 de emerxencia.
O acceso a Ourense pola A-52 está aberto, aínda que hai cortes puntuais na N-525 entre Verín e Viladerrei e a N-120 entre Montefurado e A Rúa. Renfe volveu suspender esta segunda feira os servizos ferroviarios entre Ourense e Madrid e tamén estivo cortada a liña entre León e Monforte. A vaga de incendios puxo en perigo decenas de persoas nas localidades próximas aos focos, mais até o de agora non houbo falecidos polo lume na Galiza, se ben o bombeiro falecido o domingo en León era nativo de Ourense.
Aliás, debido ao avance do incendio de Chandrexa, que con máis de 17.500 hectáreas calcinadas ao feche desta edición é xa o de maior envergadura da historia do país desde que existen rexistros, Medio Rural declarou esta segunda feira obras de emerxencia para a utilización de máquinas pesadas que permitan mellorar os cortalumes perimetrais no parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, cada vez máis cercado polas chamas.
Se ben desde a Consellería non se confirmou se o lume xa alcanzou a zona, as imaxes do satélite Copernicus mostran xa unha zona calcinada, e o mesmo acontece co lume de Zamora que afecta Pena Trevinca e que xa se adentrou en territorio galego, mais do que a Xunta non informou aínda. Tamén se declararon en estado de emerxencia os traballos con retroescavadoras para garantir o acceso a un punto de auga estratéxico no Courel.
Os incendios dispararon o nivel de ozono troposférico e o lume está a emitir cantidades que triplican, e mesmo cuadruplican, os límites recomendados.
Detidos polos incendios
Esta segunda feira foi detido un home de Tomiño (Baixo Miño) acusado de participar de até 13 incendios, e en Petín (Valdeorras) decenas de veciños e veciñas mobilízaronse para defender un investigado por un dos lumes, a quen ven como "cabeza de turco". O home quedou en liberdade provisional.
Protestas
A plataforma Por un monte galego con futuro convocou para esta quinta feira protestas en 17 vilas contra "a política forestal do PP".