O último balcón de Vigo ao mar, en risco

A cidadanía denuncia o efecto que terán sobre a rúa Elduayen as obras de peonalización da Porta do Sol (Vigo Histórico).
O Concello de Vigo pon en marcha esta semana os traballos de peonalización da Porta do Sol. O proxecto municipal prevé a construción dun túnel subterráneo que cruzará o centro histórico para levar o tráfico do norte ao sur da cidade. A Asociación Vigo Histórico oponse á actuación deseñada polo Goberno local.

Cun orzamento de 17 millóns, cofinanciados con Fondos Feder da Unión Europea no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Vigo Vertical, o prazo de execución do túnel subterráneo que cruzará o centro histórico, rolda os dous anos e conta coa oposición da veciñanza da cidade vella, a favor dunha actuación que favoreza a mobilidade peonil e o encontro cidadá, pero contraria á obra deseñada polo Concello.

Segundo recoñece Rafael Ferradáns, portavoz da Asociación Vigo Histórico, "a reforma sacrificará a rúa Elduayen, unha vía histórica na que o comercio xa comezou a pechar; creará unha fenda entre a zona vella alta e a baixa, matando a mobilidade das persoas; e lonxe de afastar o tráfico de coches particulares, atraerá máis tráfico ao centro da cidade, cando todas as recomendacións cara a unha transición ecolóxica piden o contrario".

Resposta motivada

Desde a asociación cidadá recoñecen que seguen esperando unha "resposta motivada" por parte do Concello  ao escrito que lle presentaron a comezos do outono. Nese escrito, ademais de sinalar as eivas principais do proxecto, baixo o seu punto de vista, abrían a porta a unha solución alternativa e dialogada que apostase por unha "peonalización máis verde" do conxunto formado pola Porta do Sol, a rúa Elduayen e o Paseo Afonso XII, "e non só da primeira".

"Abondaría cun estudo rigoroso do tráfico que chega á cidade, a vontade de diminuír o seu impacto e desvialo sen poñer en risco o escaso carácter peonil do último balcón de Vigo con vistas á ría, ao porto e ás Cíes".

"Catro meses depois seguimos esperando as razóns do Concello. Non pode ser que unha obra deste calado non estea xustificada e se acometa despois dunha motivación xeral", explica Ferradáns a Nós Diario. En marzo vence o prazo para que a Administración local lles dea unha resposta. "Se chega, estudaremos os seus argumentos e se non, non nos quedará máis remedio que levar isto ao Contencioso-Administrativo", engade.

Estrutura das vivendas

Vigo Histórico defende que o proxecto municipal, "unha das grandes transformacións históricas da cidade", segundo o alcalde Abel Caballero, incumpre o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do centro vello, "xa que non contempla ningún túnel na zona". "Ninguén discute a peonalización da Porta do Sol, pero si desa obra subterránea, innecesaria", di, para favorecer a mobilidade peonil no centro da cidade.

Para isto, insiste Rafael Ferradáns, "abondaría cun estudo rigoroso do tráfico que chega á cidade, a vontade política de diminuír o seu impacto e desvialo sen poñer en risco o escaso carácter peonil do último balcón de Vigo con vistas á ría, ao porto e ás Cíes".

No canto, denuncia, o túnel proxectado desembocará no paseo de Afonso XII con dúas ramplas de saídas moi agresivas, cuxa obra, ademais, "afectará aos cimentos e á estrutura das vivendas da contorna". A empresa construtora xa comezou a revisar as fendas dos inmóbeis, apunta. "Pero exiximos que informen da visita dos técnicos, que acrediten a súa experiencia e dean acceso aos veciños ao informe da súa vivenda".