Últimas cifras: 135 casos confirmados por coronavirus na Galiza

O SERGAS aconsella extremar a hixiene e adoptar as medidas de seguridade [Imaxe: Europa Press].
O Servizo Galego de Saúde vén de actualizar os datos referentes aos contaxios por coronaviros e confirma que estes ascenden no territorio galego a 135. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou este sábado que, na última actualización feita no día de hoxe, o número de casos confirmados de coronavirus en Galiza ascende a 135, deles 55 son da área da Coruña, 7 da de Lugo, 15 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 23 da área de Vigo, 17 da de Santiago de Compostela, e 5 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, infórmase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados no noso país.

Do total de pacientes positivos, 7 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos, 27 están en unidades de hospitalización e 101 no domicilio. Por outra banda, rexistráronxe xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e un falecemento na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía, que se atopaba ingresada no Hospital Povisa, e que dera positivo na proba de coronavirus. Tratábase dun caso importado. O total de PCR realizadas polo Sergas é de 1.087.

rexistráronxe xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e un falecemento na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía

No que se refire ao conxunto Estado español, e segundo os datos actualizados a día de hoxe por Europa Press, os números ascenden 5.753 casos confirmados, 2940 deles na Comunidade de Madrid, 509 en Catalunya, 417 no País Vasco e 47 na Rexión de Murcia. 

Italia converteuse, segundo datos oficiais, no país con máis mortes pola enfermidade COVID-19 despois da China. Alí estase a vivir unha situación de máxima emerxencia que deixa o país con máis de 15.000 casos detectados no conxunto do seu territorio. 

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900400116 para dúbidas

Desde o comunicado de prensa publicado pola Consellaría de Sanidade, reitérase que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900400116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, no mesmo comunicado sinalan que o Sergas ten "a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos".

reitérase que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900400116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900400116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve. 

Recomendacións 

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, se aconsella adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.