Última oportunidade para matricularse este curso nas universidades galegas: Que graos seguen aínda dispoñíbeis?

Acto inicio curso Universitario do 2020 en Vigo. (Foto: UVigo)
A última titulación en quedar sen prazas foi Podoloxía, no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC).

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) realizou esta sexta feira o último chamamento ao estudantado galego para matricularse en graos universitarios, dos que perto de 75% xa están fechados. A última en quedar sen prazas foi Podoloxía, no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). cunha nota de corte de 6,92. Os estudantes que así o desexen poderán inscribirse a través da Plataforma Nerta entre o sábado 3 de setembro ás 0.01 horas até a terza feira 6 de setembro ás 23.59 horas.

Entre as titulacións aínda abertas están, no Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo), os graos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, en Ciencias Ambientais, en Enxeñaría Agraria, en Turismo e en Turismo e Xeografía e Historia.

No campus de Pontevedra, só quedan dispoñíbeis o grao en Dirección e Xestión Pública, tanto o presencial como o virtual; e o grao en Enxeñaría Forestal. No de Vigo, os alumnos e alumnas aínda se poden matricular nos graos de Comercio, Economía, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (en inglés), Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (en inglés) e Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos.

Tamén en Vigo quedan prazas en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Tradución e Interpretación (tanto Español-Francés como Galego-Inglés), e en Filoloxía aplicada en Galego e Español.

Graos dispoñíbeis na USC e na UDC

Pola súa parte, no campus compostelán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quedan prazas no Grao de Ciencia Política e da Administración, en Filoloxía Clásica, en Lingua e Literatura Galegas, así como en Lingua e Literatura Modernas; en Xeografía e Ordenación do Territorio e en Xestión das Empresas Hostaleiras.

As titulacións con prazas dispoñíbeis no campus de Lugo, tamén da USC, son Enxeñaría Civil, Forestal e do Medio Rural, e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Relacións Laborais e Recursos Humanos e Paisaxe. Tamén o grao de Xestión Cultural, tanto na modalidade presencial como na semipresencial.

No campus que a Universidade da Coruña ten na cidade herculina, aínda hai prazas en Enxeñaría das Obras Públicas, en Máquinas Navais, en Galego-Portugués. No grao de Estudos Lingüísticos e Literarios e na súa versión en Inglés. Tamén en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Socioloxía, en Tecnoloxías da Enxeñaría Civil, en Turismo (en liña) e na simultaneidade dos graos de Inglés e Galego e Portugués.

Por último, no campus de Ferrol, as persoas interesadas aínda se poden inscribir nos graos de Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Xestión Dixital de Información.