Ulloa Viva e a PDRA critican que a mesma consultora que rexeitou o traslado de Ence ao río Ulla acepte agora a instalación de Altri

Rolda de prensa conxunta da PDRA e Ulloa Viva (Foto: Nós Diario).
Os dous colectivos animan a alegar contra o proxecto de Altri e "os seus efectos devastadores no mar e no interior".

As Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) fixeron esta segunda feira en Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa (O Salnés), un chamamento conxunto á cidadanía a seguir presentando alegacións contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). O mar e o corazón da Galiza, aseguraron os voceiros Xulio Fernández e Xaquín Rubido, "están ameazados" polo Proxecto Gama, "un desastre ambiental, económico e social" para as comarcas da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa, e tamén para o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, anunciou na rolda de prensa unha nova alegación que a plataforma presentará contra o proxecto de Altri, xa que a mesma consultora ambiental que no 2019 desbotaba un posíbel traslado de Ence de Lourizán a calquera outro río galego, agás o Miño, agora fai o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) positivo para localizar unha macrocelulosa no río Ulla. Rubido criticou que unha mesma empresa “diga unha cousa e a contraria”.

Segundo explicou Rubido, Ence encargou dous informes periciais a dúas consultoras (Idom e Pöyry) nos anos 2018 e 2019 diante do recurso do Concello de Pontevedra e Greenpeace contra a prórroga concedida polo Goberno español de Mariano Raxoi (PP) para a ocupación por Ence dos terreos públicos na Ría de Pontevedra. Estes informes concluían a inviabilidade de trasladar Ence a calquera outro punto da Galiza, xa que unha celulosa do tamaño de Ence ten unha necesidade de recursos hídricos que non podía garantir ningún río galego, agás o Miño e o Sil.

Nesta nova alegación a PDRA destaca que "a conclusión que se extrae do devandito é que non se pode argumentar a imposibilidade de traslado da factoría de Ence en Lourizán e utilizar os argumentos contrarios para xustificar a instalación de GreenFiber S.L. no río Ulla. Non hai ningún río na Galiza no que sexa sostíbel emprazar unha celulosa das dimensións produtivas de GreenFiber S.L.". Rubido denunciou o feito de que a consultora que fixo o EIA para Altri, foi Afry, que é unha consultora con sede en Suecia resultado dunha fusión da consultora sueca AF e a finesa Pöyry.

"A calidade química do río Ulla vai verse comprometida pola vertedura da mercantil e máis tendo en conta que verte directamente ao encoro de Portodemouros, que sofre episodios recurrentes de eutrofización no período estival e que debería estar cualificado como zona vulnerábel por Augas da Galiza, quen eludiu facelo argumentando, no proceso xudicial da Comisión Europea contra o Estado Español polas verteduras de nitratos, que estaba pendente dun estudo, do que arestora descoñecemos a súa realización. Parece claro que se o encoro de Portodemouros tivera sido declarado como zona vulnerábel non se podería autorizar a vertedura de GreenFiber S.L. ", salientou.

Ademais, o portavoz da PDRA puxo coma exemplo a experiencia de Altri en Portugal que "foi claramente negativa para o rio Tejo. Segundo fontes diversas do Goberno portugués, dos municipios e da Asociación Pró-Tejo, o río chegou a ter un nivel de 1 sobre 10 na escala de contaminación internacional (carencia bioquímica de osíxeno), o que representa un río morto segundo a ecoloxía e a hidroloxía fluvial. Como consecuencia disto, no ano 2012 había censados 1091 pescadores e hoxe no río quedan só 46".

Alegacións e prazos

Xulio Fernández, voceiro da Plataforma Ulloa Viva, afondou na rolda de prensa no entramado de intereses económicos e políticos que cada día afloran ao respecto do proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. Denunciou, así mesmo, que o propio Alfonso Rueda, o presidente da Xunta da Galiza, vén de anunciar unha Oficina Económica dependente da Presidencia para xestionar os proxectos industriais estratéxicos, "isto é encargarse persoalmente de Altri". Ademáis criticou aos "políticos, facilitadores, lobbies, Pepe Blanco [ex ministro do PSOE] e o Goberno do Estado, dos que dependen os cartos da Unión Europea sen os que Altri non chegaría ao corazón da Galiza".

Xulio Fernández asegurou que "os políticos xa tomaron partido por esta industria e o presidente da Xunta está a darlles un trato preferente". O voceiro de Ulloa Viva demandou do Goberno galego que "polo menos nos dea aos cidadáns afectados un trato igual que o que lle está a dar á empresa". Por iso animou á veciñanza de toda a Galiza a seguir presentando alegacións, así como escritos á Consellaría de Industria para que se amplíe o prazo de rexistro das mesmas, que remata o vindeiro 17 de abril.

Por outra parte, explicou que as persoas máis directamente afectadas polo proxecto, en bens e dereitos, poden comparecer coma interesados na tramitación e exixir da Xunta toda a documentación e as comunicacións ao respecto nas mesmas condicións que a empresa. Neste sentido, Fernández asegurou que a Plataforma Ulloa Viva "irá onde faga falta para parar este proxecto, petaremos á porta de todas as institucións do Estado e da Unión Europea".