Ulloa Viva mobilízase co pobo portugués: "Altri é unha das causantes do recorrente problema de incendios que hai en Portugal"
A Plataforma Ulloa Viva participou este sábado nunha das manifestacións convocadas pola asociación Floresta do Futuro contra a vaga de lumes que asolou este verán Portugal, igual que aconteceu e segue a acontecer na Galiza. Neste sentido, o pasado 14 de setembro, na mobilización desenvolta por Un monte Galego con futuro, representantes de Floresta do Futuro tamén estiveron en Compostela.
O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, estivo en Lousã, no Distrito de Coimbra, desde onde alertou pola experiencia lusa que "Galiza vai camiño da eucaliptización e a depredación con Altri-Greenalia", lembrando que a pasteira é unha das "culpábeis" dos recorrentes incendios de Portugal, "xunto con Navigator, Galp e EdP", tal e como levan anos denunciando os membros de Floresta.
Segundo explicou o presidente da Plataforma, Ulloa Viva leva meses "recollendo o coñecemento e as consecuencias da experiencia de anos e anos que Portugal ten coa actividade destas empresas". "Asústannos e preocúpannos" os efectos que podería ter na Galiza a autorización por parte da Xunta da Galiza da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei (A Ulloa), salientou Sánchez.
"Os nosos irmáns portugueses teñen sufrido moito tempo polos efectos da actividade destas empresas en relación cos incendios forestais, a contaminación e a destrución dos seus ecosistemas", acrecentou o presidente de Ulloa Viva desde Lousã.
Floresta do Futuro convocou este sábado concentracións por todo o país veciño para exixir "deseucaliptización, descarbonización e democratización" da súa superficie forestal, logo de ter sufrido este verán unha nova vaga de lumes con efectos devastadores para as persoas, o territorio e a biodiversidade.
"É hora de saír á rúa, loitar e mudar as cousas", explicaron os responsábeis de Floresta do Futuro, e por iso miles de persoas secundaron as protestas en 15 localidades de Portugal (Águeda, Arganil, Aveiro, Braga, Coimbra, Leiria, Lisboa, Lousã, Odemira, Oliveira do Hospital, Pedrógão Grande, Porto, Proença-a-Nova, São Pedro do Sul e Sertã). A veciñanza de Portugal berrou nas rúas que "non nos resignamos, é tempo de deseucaliptizar, é tempo de democratizar, a terra para quen a coida, e nós somos os que a traballamos".
Ademais, o presidente de Ulloa Viva, que interveu nunha asemblea posterior ás concentracións por Portugal, amosou a preocupación da plataforma polos incendios que levan calcinadas na Galiza durante as últimas horas máis de 1.600 hectáreas, e que "queimaron casas e obrigaron a confinar e desaloxar núcleos de poboación".
A "mala experiencia" con Altri en Portugal
Despois de anos de implantación con tres celulosas no país, denuncias por contaminación atmosférica e aos ríos, Floresta do Futuro ten claro que a pasteira "Altri é unha das causantes do recorrente problema de incendios que hai en Portugal".
Neste sentido, Altri e Navigator, continuou, "xestionan desde hai anos atendendo só aos seus intereses empresariais máis de 220.000 hectáreas forestais con devastadoras plantacións de eucaliptos, especie alóctona tamén en Portugal e pirófita, causante da virulencia e propagación de lumes cada ano no país veciño".
Desde Portugal, o presidente de Ulloa Viva chamou de novo a Xunta a que "rectifique, sexa responsábel e negue á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei os permisos que precisa do Goberno galego para a súa implantación".
O presidente da plataforma advertiu tamén de que "van ter sempre á veciñanza en fronte" e dixo que calquera decisión a favor de Altri-Greenalia que a partir de agora tome a Xunta "imos recorrela administrativa e xudicialmente". "Chegaremos até o final, onde faga falta, até parar definitivamente esta ameaza sobre o noso territorio", concluíu Sánchez.