A UE cede ante eléctricas e nucleares na loita contra o cambio climático

As propostas da Comisión europea no 'Libro Branco para loitar contra o cambio climático na UE' ameazan, segundo Adega, ''con derramar o progreso realizado na redución de emisións, o desenvolvemento das enerxías limpas e a eficiencia enerxética''.

A Unión Europea cede na loita contra o cambio climático aos intereses de eléctricas e nucleares. Esta é a reflexión que Adega fai das propostas da Comisión no 'Libro branco para loitar contra o cambio climático na UE'.

Así, a Comisión propón para o 2030 unha redución interna do 40% nas emisións de gases de efecto invernadoiro con respeito a 1990, un obxectivo para as enerxías renovábeis do 27% no conxunto da UE (non para cada estado) e adía os obxectivos de aforro e eficiencia enerxética. 

Estas cifras, alienta a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, están “moi por baixo do compromiso internacional da UE para diminuir o quecemento global por baixo dos 2°C como recomendaron os expertos do IPPC, e merma o liderado que a UE viña desenvolvendo nas negociacións para a adopción dun novo acordo internacional sobre o clima en París, no 2015”.

Intereses

Para a EEB (Oficina Europea do Ambiente) da que fai parte Adega, os obxectivos da UE para o 2030 deberían ser “cando menos unha redución do 60% nas emisións de gases de efecto invernadoiro, unha porxentaxe obrigatoria do 45% de enerxía procedente de fontes renovábeis e un 40% de aforro enerxético”.

A Asociación lamenta que, “outra volta, e baixo o pretexto do libre comercio, a Comisión Europea volve antepoñer os intereses económicos dos contaminadores á protección do ambiente e á loita contra o cambio climático”.