Vaga de solidariedade co bombeiro agredido en Madrid: "Recibo unha morea de apoios"

Miguel Ucles
A agresión que sufriu o presidente dos bombeiros galegos, Miguel Uclés, o domingo en Madrid despois dunha manifestación provocou ducias de mostras cariño nas redes e mesmo declaracións de apoio de diversos colectivos e formacións políticas.

Esta segunda feira, Miguel Uclés anda por Sevilla nun curso profesional. O presidente dos bombeiros galegos e delegado da CIG aínda está sorprendido pola resposta a unha historia que contou a un compañeiro e que difundiu Sermos Galiza na tarde do domingo. "Desde onte é un non parar. Hai unha morea de apoios incondicionais", escribe nunha mensaxe porque esta tarde non pode responder ao teléfono. Non pasaron nin 24 horas desde que recibiu golpes e insultos por parte dunha persoa no centro de Madrid porque o agresor identificouno como "independentista". A mesma noite do domingo, o propio Uclés precisaba informacións que foran aparecendo nos medios. “Foi unha agresión, non unha malleira entre varios; e non puiden identificar ningunha simboloxía no agresor e no grupiño que o acompañaba”.

Esta segunda feira a web da CIG, central na que é delegado, colgou unha entrevista onde relata a agresión: “Cando rematou a marca reivindicativa, sobre as sete da tarde, dirixíame cara a miña furgoneta para deixar unha pancarta e a bandeira galega (…) unha persoa, que ía acompañada doutras catro, mirou para min rindo. Entón pensei que sería alguén que participara na manifestación ou que me coñecía, pero sen dicirme nada achegouse e deume un puñazo. Logrei esquivalo e non me deu na cara, pero impactoume no pescozo e caéronme as lentes ao chan. Agacheime para recollelas e foi cando me deu varios puñazos e patadas en distintas partes do corpo. Mentres me golpeaba berrábame “Independentista de mierda”, “Fuera de aquí” e “Hijo de puta”. Aínda que non tiñan estética neonazi, os seus insultos denotan a súa ideoloxía. Tería sobre uns 30 anos, e pola forma de pegar notábase que ía ao ximnasio, porque era coma se practicase cun saco”.

Miguel Uclés recibiu declaracións de apoio do BNG, a través dun comunicado da forza nacionalista, e de formacións como Podemos Galicia, Anticapitalistas e Anova a través de chíos en Twitter. Do mesmo xeito pronunciáronse dando ánimo ao presidente dos bombeiros galegos Xabier Pérez Iglesias e Rubén Pérez, concelleiros en Vigo.

Berto Gonçalvez, o secretario comarcal da CIG en Vigo, sindicato ao que pertence Ucles, declarou a Sermos Galiza que “foi un ataque contra o nacionalismo, e un ataque covarde polas costas”. A Gonçalvez non lle estrañan as manifestacións de simpatía con Ucles, porque, di, “é un bombeiro moi activo, que leva tempo loitando pola defensa dun servizo público na Galiza e no Estado”. O responsábel comarcal da CIG lembra que Ucles levaba o domingo “unha faixa do sindicato e unha bandeira da patria” cando foi agredido, e considera que está a haber “un certo rexurdimento do fascismo” no Estado español. Sobre esta cuestión, Gonçalvez indica que “as cousas están tranquilas na área de Vigo e no conxunto do país”, mais sinala que “dado o discurso que están a alimentar os medios de comunicación, non desbotamos que poida haber aquí reaccións como as que estamos a ver respecto de Catalunya, ataques ao diferente”. 

Desde Esculca, o observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, explican que non se pronuncian en casos como o de Miguel Ucles, xa que se trata dun asunto entre persoas no que non mediaron as forzas de seguridade. Ucles non presentou denuncia. Na entrevista que concedeu á CIG alude ás razóns: "Seguinos un rato pola rúa porque a miña idea era atopar un policía para contarlle o sucedido e que os identificase, pero todas as axentes e os axentes estaban pendentes da manifestación e non atopei ningún. Fun detrás deles uns 300 metros e o que me agredira dábase a volta de cando en vez e dicíame “Que quieres, más hostias?”. Pero ao pouco tempo saíron correndo e xa os perdín de vista. Despois volvín xunto aos compañeiros para contarlles o que sucedera, e a verdade é que non fun moi consciente da dimensión do tema até que o caso se viralizou".