Persoal da UCI do hospital de Ourense alerta de eivas no traslado de doentes: "Hai grave risco"

Exteriores do CHUO en Ourense (Foto: Google).
"O cambio de espazo da UCI é de moi difícil cumprimento supondo ademais un grave risco para a seguridade das persoas doentes", alertan as profesionais.

Persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) publicou un escrito relativo á seguridade das persoas doentes: “O día 12 de Decembro do 2023 comezamos o traslado dos doentes na UCI para proceder a iniciar as obras do servizo (segunda fase na nova UCI do CHUO). 10 doentes foros trasladados para a nova UCI (primeira fase) do CHUO e outros 10 para outra zona de Unidade de Recuperación Postanestésica (URPA) segundo se tiña previsto”.

“A seguridade dos e das doentes constitúe un deber básico e esencial na práctica asistencial que as entidades sanitarias deben preservar coa finalidade de mellorar a calidade dos coidados e a continuidade asistencial dos mesmos. As profesionais de enfermería no desenvolvemento do seu labor asistencial teñen os seguintes deberes: prestar coidados que garantan a calidade asistencial e que velen pola seguridade dos doentes, os cales tras o cambio de espazo da UCI, son de moi difícil cumprimento supondo ademais un grave risco para a seguridade das persoas doentes”, indican no escrito.

A estrutura da nova unidade sofre mudanzas moi importantes con respecto á UCI antiga, segundo alertan. Despois dun mes nos novos espazos habilitados “detectamos problemas que contribúen a dificultar o traballo individual e en equipo que se realiza nunha unidade de coidados intensivos e poñen en risco os coidados dos nosos doentes así como a falta de cumprimento dos estándares e recomendacións para as unidades de coidados intensivos recollidas polo Ministerio de Sanidade e Política Social”.

"Non se tomaron medidas"

Engaden no escrito que a necesidade do espazo URPA á hora de realizar as obras da UCI era algo previsto e a pesar de iso “non se tomaron as medidas nin obras axeitadas para fomentar uns coidados con calidade e garantir seguridade asistencial”.

Previo ao traslado, o persoal da Unidade de Coidados Intensivos (Tcaes, enfermeiras e persoal facultativo) fixo saber á dirección de Enfermaría e á Xerencia do Complexo Hospitalario de Ourense a través dun escrito, así tamén nunha reunión o 17 de Novembro do 2023 con Dirección de Enfermería, a súa “desconformidade co traslado da unidade para os novos espazos habilitados coa dotación de efectivos propostos”.

“Os problemas de tipo estrutural, distribución de espazos, déficit de funcionamento das novas tecnoloxías aplicadas e formación do persoal que nos atopamos son postos en coñecemento a través dun escrito entregado por rexistro o 16 de Decembro do 2023 á Xerencia do Sergas, Xerencia do CHUO , dirección de Enfermaría, Dirección de Recuros Humanos, Comisión de centro, Xefa de servizo UCI e supervisora da unidade”, salientan.