Após o regulamento da Generalitat

Uber e Cabify marchan de Barcelona

Foto: Laura R. Cuba

Os dous xigantes das licencias de VTC decidiron abandonar a cidade de Barcelona logo de que a Generalitat de Catalunya aprobase un decreto lei para o seu regulamento. O sector do taxi logra así a súa primeira gran vitoria na guerra polo transporte privado.

O decreto lei foi aprobado a pasada terza feira 29 de xaneiro, acordado co sector do taxi. A medida máis polémica é o requisito de que as viaxes sexan solicitadas cun mínimo de 15 minutos de antelación, condición que non cumpren a inmensa maioría das viaxes realizadas polos Vehículos de Turismo con Condutor.

 

As empresas estadounidense e española, Uber e Cabify anunciaron a suspensión do seu servizo na cidade condal dadas as "restricións", que, din, "imposibilitan a súa actividade". "É totalmente incompatíbel coa rapidez dos servizos baixo demanda", din directivos de ambas multinacionais. Cualifican pois o decreto de querer "expulsar" as empresas de Catalunya.

 

O acordo inicial buscaba que a precontratación fose de 6 a 12 horas previas, aínda que finalmente será de 15 minutos para toda Catalunya e a posibilidade de amplialo até unha hora na área Metropolitana de Barcelona. Foi publicado esta quinta feira 31 de xaneiro no Diario Oficial de la Generalitat de Cataluña, e entrará en vigor a sexta feira 1 de febreiro.

 

En palabras de Damià Calvet, conseller de Territori i Sostenibilitat  "os 15 minutos son proporcionais, non alteran a competencia e non provocan efectos disruptivos nas VTC". Afirma igualmente que non regula "a favor duns e en contra doutros, o que fai é aclarar as regras para protexer aos usuarios".