Twitter cancela a conta ‘Twiter en galego’

A conta, con máis de 30.000 seguidores, fai 10 anos de vida en 2021. A compañía considera que quen a administra é un menor de dez anos, de aí a suspensión. O administrador da conta xa reclamou para que lle permitan volver activala.

En 2021 fanse dez anos do nacemento de ‘Twiter en galego’, unha iniciativa que ao longo deste tempo sumou máis de 30.000 seguidores e publicou miles de chíos sobre diferentes cuestións relacionadas coa realidade galega.

A compañía twitter vén de suspender a conta, “por agora temporalmente e agardo que non sexa permanentemente”, sinala a Nós Diario Carlos Vieito, administrador de ‘Twiter en galego’ (cun só t e non 2 para evitar que se lle considere a marca oficial).

O motivo da suspensión, explica, foi que a compañía entendeu que quen estaba detrás da conta que fai agora 10 anos era un menor de idade de 10 anos e as normas de Twitter fixan que a idade mínima para poder ter conta é 13 anos.

“Agora estou reclamando para que ma devolvan e que sexa nas mesmas condicións: non perder historial de chíos, seguidores...”, sinala Carlos Vieito. “Que a conta volva activarse mantendo o traballo de todos estes anos”, desexa.

A de twitter non é a única batalla que está a levar a cabo Vieito. Explica que tamén está suspendida a conta ‘Instagram galego’, se ben nesta ocasión foi por unha denuncia anónima de ‘usurpación’. “unha denuncia anónima e agora estou con toda a documentación e traballo para recuperar Instagram”