A falta de tradutor@s pon en perigo o Twitter en galego

Unha vez aprobado por Twitter o inio do proceso de tradución a falta de tradutor@s podería deixar a rede social sen a versión en lingua galega.

 

Carlos García, estudante de Políticas da USC, foi o responsábel de crear unha conta en Twitter, @twitter_en_galego, e mobilizar esta rede social para que #twitterengalego fose máis unha vez "hastag" ou tema do día. Cando comezou en maio de 2011 tiña moi claro que a idea era "conseguir que a rede social Twitter puxera a disposición dos seus usuarios o uso da lingua galega a igual que a rede Facebook". 

Despois das numerosas campañas realizadas reivindicando un dereito do que xa dispoñen outras nacións como a vasca ou a catalá, chegou a ter unha grande acollida con máis de 15.000 adhesións no mes de setembro e 16.297 na actualidade. Logo viría a aprobación por parte de Twitter do inicio do proceso de tradución e a oportunista adhesión da propia Xunta que quixo estar presente no último chanzo para conseguir a galeguización desta rede social.

Periga o Twitter en galego

Segundo Carlos García "a tradución aflouxou nos últimos días e pode que perdamos a oportunidade de ter o Twitter en galego". Por este motivo lanzou outra campaña para que se finalice o proceso e non se perda esta única oportunidade para a nosa lingua. Entre as idea que vai poñer en marcha en breve esta unha páxina web. Recoñece que "na tradución hai varios apartados nos que Twitter pide que valores se algunhas palabras son malsonantes, que recomendes contas e ao final traduzas un glosario que é a parte máis complicada". Cada paso é máis complicado ca o anterior e "no último apartado, aberto hai tan só unha semana, e hai dificultades pola complexidade que ten". Por este motivo solicita "o apoio de xente que entenda informática".

Para traducir o Twitter ao galego compren tamén persoas que entendan de informática.

Twitter galeguiza se hai tradutores

Para que Twitter faga a tradución total da súa rede compre que haxa tradutor@s entre @s usuari@s. Para comezar a traducir hai que entrar en "Sign in with Twitter" e aceptar as condicións "Translation Agreement". Logo escollemos a lingua para traducir "Choose your language" (Galician/Galego) e xa se pode comezar. Canta máis xente traballe na tradución mellor. Como explica Carlos García "se @translator non ve un gran número de tradutor@s dunha lingua non a traduce, pola simple razón de que non hai ninguén que o faga".