A TVG súmase ao cerco de Trump a Cuba

This browser does not support the video element.

'Latitude Galega', un programa producido por La Región Televisión para a TVG, enxalza a "época colonial" de Cuba e "boa parte do século XX", caracterizada polas ditaduras de Machado e de Batista, que nin sequera cita. Á vez, culpa da situación económica que vive a illa a "seis décadas de ditadura comunista", en alusión á Revolución cubana, e sen se referir ao bloqueo dos Estados Unidos.

"Cuba vive na actualidade un colapso económico sen precedentes", narra a voz en off coa que comeza o último programa Latitude Galega -producido por La Región Televisión para a TVG- e que ten a maior das Antillas como protagonista. Explica, a continuación, que "non é unha crise externa" nin un "accidente histórico".

A peza emitida pola canle pública galega salienta que a responsabilidade da situación económica débese, unicamente, "a seis décadas de ditadura comunista", en referencia ao movemento revolucionario que acabou coa ditadura de Fulgencio Batista o 1 de xaneiro de 1959.

"Pero Cuba non sempre estivo así", continúa o relato, "durante a época colonial e boa parte do século XX, a illa chegou a ser unha das economías máis fortes do Caribe, infraestruturas en expansión, investimento estranxeiro, exportacións potentes e un nivel de vida, malia as desigualdades, que superaba por moito o actual".

A voz en off salienta a "pegada desa época nos edificios coloniais" e no "rico patrimonio artístico que aínda se pode contemplar hoxe no país". Non se informa que o contexto ao que se refire a narración corresponde á época da explotación económica colonial por parte de España e dos EUA, incluída a escravitude, así como á da deformación económica e á da dependencia do exterior.

Nin sequera se citan as dúas ditaduras que sufriu Cuba nas primeiras décadas do s. XX, a de Gerardo Machado (1925-1933) e a de Fulgencio Batista (1952-1959), nin a ocupación estadounidense da illa.

Tampouco se fai alusión, no texto lido pola voz en off, ao bloqueo económico, comercial e financeiro dos EUA contra Cuba, imposto desde 1962 e endurecido co último goberno de Donald Trump, que mantén sancionado o seu homólogo cubano, Miguel Díaz Canel, e que prohibiu o turismo na illa.

Un bloqueo que o Executivo cubano cualifica de "xenocidio" e que se foi agravando en diferentes momentos históricos, até o punto de alcanzar terceiros países a partir de 1992, data en que a ONU reclamou por vez primeira aos EUA a fin do embargo.

Precisamente, a Asemblea Xeral da ONU reclamou até 33 veces a fin do bloqueo. A última das resolucións foi a votada en outubro de 2025, cando obtivo 165 votos a favor, 12 abstencións (Albania, Bosnia e Herzegovina, Costa Rica, Chequia, Ecuador, Estonia, Letonia, Lituania, Marrocos, Moldavia, Rumanía e Polonia) e 7 en contra (Arxentina, Estados Unidos, Hungría, Israel, Macedonia do Norte, Paraguai e Ucraína).

Testemuñas do programa

Á vez que obvia as ditaduras de Machado e Batista, a inxerencia dos EUA e o cerco económico máis prolongado da historia moderna, o texto lido pola voz en off advirte de que o sistema político cubano "prohibe crear riqueza fóra do Estado e controla prezos, produción e distribución, o que desincentiva, castiga e bloquea calquera intento de modernización do país".

Tras cualificar de "complexo" o "día a día" en Cuba, dá conta dos apagamentos eléctricos, da inflación, dos salarios baixos e dos problemas de desabastecemento que sofre a illa.

A voz en off conclúe o relato afirmando que "intentamos mostrar a situación que vive o pobo cubano sen filtros", malia o claro nesgo ideolóxico da narración que introduce a peza audiovisual, emitida na TVG cando Donald Trump intensifica o seu cerco á illa.

O programa, conducido por Perico Balado -cuxas intervencións nada teñen a ver coa retórica colonialista da narración inicial-, conta cos testemuños de cinco galegas e galegos: Arantxa Fernández, presidenta da Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana; María del Carmen, enxeñeira; Iago Cela, director de hotel; Domingo Teixido, xubilado, e Pilar Nouche, empresaria, que relatan como viven en Cuba e como lles afecta a crise económica que sofre a illa, con mencións incluídas ao bloqueo dos EUA.