A TVG prohibe ao persoal, aínda que non saian en pantalla, levar camisolas contra a censura ou manipulación

Protesto das traballadoras e traballadores da CRTVG

O departamento de Recursos Humanos reenvía ao persoal unha circular sobre normas, comportamento e presenza das profesionais do ente público. Nela indícase que aínda que o xornalista estea fóra de cámara, debe absterse de levar unha indumentaria reivindicativa.

 

Unha circular interna da CRTVG dirixida ao seu persoal volveu facer saltar a alarma entre traballadoras e traballadores do medio público. A circular, remitida este 1 de abril, é un recordatorio dunha anterior mais que agora cobra unha dimensión especial. A dirección do ente enumera unha serie de consideracións e puntos sobre “as condicións e circunstancias que deben presidir a actuación de todos os profesionais da TVG”. Fálase na nota, á que tivo acceso Sermos Galiza, da necesidade de que a imaxe do traballador “non atraerá a atención do espectador de modo decisivo”, de que o xornalista “en ningún caso” pode ser o “protagonista” ou de que “a imaxe e o vestiario serán acordes e adecuados” ao programa a desenvolver. Puntos que non xeran oposición e todos asumen como inherentes ao desenvolvemento do labor xornalístico.

 

Porén, hai outras cuestións que si que xeran malestar e preocupación entre o persoal. Como que se estenda a fóra da pantalla a norma pola que o persoal da TVG deba absterse "especialmente [...]  da utilización de calquera tipo de símbolos que poñan de manifesto a súa filiación ou proximidade cunha opción política, sindical, social, deportiva ou económica”. Esa consideración, sinala a circular, “será de aplicación tamén ao exercicio profesional de todo o persoal de TVG en entrevistas, roldas de prensa, ou outras actuacións nas que, non saíndo en pantalla, proxecten a imaxe da CRTVG”.

 

Fontes do persoal consideran que esta restrición ten no punto de mira as protestas do persoal contra a manipulación e censura, centrada nos venres negros, nas que o persoal loce indumentarias desa cor e tamén coa frase Defende a Galega. Desde a conta nas redes sociais de Defende a Galega ironizan e pregúntanse se "estará pensando a CRTVG en sancionar centos de traballadores por vestir unha camiseta? Seríamos noticia polo primeiro expediente colectivo da historia dos medios públicos...".

 

“A inobservancia ou incumprimento por parte dos traballadores das anteriores instrucións será corrixida disciplinariamente de conformidade coas previsións do Convenio Colectivo", advirte o ente.