O persoal da TVG inicia as mobilizacións en defensa da produción propia

Esta cuarta feira o comité inter-empresas da CRTVG convoca unha manifestación sonora ás portas de San Marcos. Denuncian a desaparición na grella da maior parte da programación propia e a contratación de produtoras externas para cubrir eses espazos.

 

@s traballador@s da TVG iniciarán esta cuarta feira (23 de outubro) unha vaga de mobilizacións baixo a fiestra do director xeral da canle. Os protestos terá unha duración de 10 minutos --como xa avanzou Sermos Galiza-- e visan denunciar as mudanzas introducidas na grella coa chegada da tempada outono-inverno. As concentracións coinciden coas xuntanzas que manteñen os directivos da compañía con motivo da súa (re)conversión nunha corporación polo que se prolongarán tanto coma estas.

Neste senso, desde o comité inter-empresas denuncian o feche de boa parte da programación propia producida pol@s empregad@s da televisión pública (Eirado, Reporteiros, No bico un cantar ou Alalá) e a contratación dos servizos a produtoras externas que, aliás, supoñen un maior custe económico para a entidade. 

Desde o comité inter-empresas denuncian a redución progresiva do gasto en persoal e o incremento notábel do investimento en produción externa

"Camiñamos cara á unha situación en que na casa só se producirán os servizos informativos", lamentaba Raquel Lema presidenta do comité da CRTVG. E é que, segundo os dados que manexa a representación das traballadoras e dos traballadores, entre 2011 e 2012 o gasto en persoal da televisión pública reduciuse en 4.105.881 euros, namentres o investimento en produción externa medrou en 787.142 euros. 

Así pois, desde o comité da CRTVG exixen que o novo mandato-marco que ten de aprobar o Parlamento de Galiza con motivo da fusión das distintas empresas que constitúen a CRTVG (TVG, RG) garanta nas súas directrices o mantemento de contidos de elaboración propia. 

Algo que xa están a exixir nas negociacións do convenio colectivo. "Pedimos que un dos aspectos sexa unha garantía de mantemento dunha porcentaxe de produción propia" que podería situarse arredor do 50% da grella, sinalan desde a CUT.

O comité inter-empresas demanda "carga de traballo" para @s empregad@s da canle pois, din, "é un servizo público". Embora o proceso de fusión acordado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo --que integrará a radio e televisión nacionais nunha única corporación-- poida supor mesmo a súa privatización, denuncian.