Os sindicatos denuncian que TVG externaliza en bloque as retransmisións por primeira vez na súa historia

crtvgBOA

O Comité inter-empresas alerta que a CRTVG tramita un concurso público ao que só se presentou a produtora privada SeteMedia.

O Comité Interempresas da CRTVG denuncia que a Televisión de Galicia está a tramitar un concurso público “para externalizar en bloque parte das retransmisións que efectúa ao longo do ano”. Con este concurso, ao que só se presentou a empresa SeteMedia, a produtora privada podería realizar até 30 retransmisión de eventos televisivos en vintecatro meses por perto de 150.000 euros.

"Traspásase unha liña vermella, xa que é a primeira vez en 30 anos de existencia do medio publico en que esa importante parte da produción pasa a mans privadas de xeito deliberadamente programado”

Esta medida adoptada pola empresa “traspasa unha liña vermella, xa que é a primeira vez en 30 anos de existencia do medio publico en que esa importante parte da produción pasa a mans privadas de xeito deliberadamente programado”. A representación sindical na CRTVG considera “inadmisible esta externalización cando a TVG conta con catro unidades móbiles tecnoloxicamente avanzadas que xa estaban infrautilizadas, mesmo paradas, con excusas como que non se poden contratar condutores para desprazar uns camións nos que se investiron millóns de euros”.

Esta privatización tamén provocará, sosteñen, que o persoal da TVG destinado tradicionalmente a efectuar as retransmisións fique practicamente inactivo, “mentres se destinan milleiros de euros a subcontratar unhas tarefas que poden perfectamente facerse con recursos propios”.

"Prácticas de mala xestión"

O Comité lembra que esta nova decisión “vén sumarse a outras prácticas de mala xestión por parte da actual directiva". Un exemplo diso é, apuntan, que TVG asina contratos con empresas privadas por valor de millóns de euros anuais para realizar conexións en directo nos espazos informativos. “Unhas conexións nas que participan redactores e redactoras alleos á CRTVG", o que, segundo o Comité Interempresas, supón "unha grave vulneración da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia”.