A TVG estrea este domingo 'Aquí hai verán'

Silvana Moril no programa 'Aqui hai verán' (TVG)

O obxectivo do novo programa que se emitirá os domingos ás 21.55 horas é dar a coñecer as iniciativas públicas e privadas de lecer para non esquecer que estamos en tempo de lecer.

A Televisión pública da Galiza estrea este domingo 19 de xullo ás 21.55 horas un novo programa que leva por nome 'Aquí hai verán'. Presentado por Tania Veiras e Silvana Moril, ten o obxectivo de difundir iniciativas que entidades privadas, concellos, asociacións de veciñas e veciños, comisións de festas e outros colectivos fagan para que non se esqueza que estamos na época do ano máis festeira.

O programa tamén terá un apartado dedicado á cultura e outras iniciativas que se presenten estes meses. Na súa estrea estará na praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, para coñecermos a iniciativa As 21 na praia e tamén mostrará como foron as festas do Carme en Camariñas, Bueu e Muros ademais de propoñer un paseo polas rúas de Pontevedra.