A TVG emite no telexornal unha 'publirreportaxe' en prol da mina a ceo aberto en Corcoesto

Faixas contra a mina de Corcoesto [SG]

Comparando o proxecto de Edgewater cunha explotación que hai en Laponia, a peza difundida na televisión pública galega asume como propios todos os argumentos da empresa mineira, sen incluír estudos de impacto ambiental nin declaracións da veciñanza e de grupos ecoloxistas.


A empresa canadense Edgewater, que pretende explotar unha mina a ceo aberto na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, organizou unha visita a Laponia (Finlandia) á cal convidou xornalistas para que desen conta da acollida que un proxecto das mesmas características tivo no concello de Kíttilà, onde se asenta a principal mina de ouro de Europa. O proxecto é tamén dunha empresa mineira canadense, Agnico Eagle.

A TVG foi un dos medios convidados. A viaxe até Laponia concretouse na emisión dunha publirreportaxe que se emitiu como información no telexornal da primeira hora da mañá desta cuarta feira, repetindo os argumentos que a empresa mineira coloca para xustificar 'as bondades' do seu proxecto. 

"Comezou a extraerse metal en 2008 e, en contra do que acontece aquí, non houbo oposición veciñal", sinala a xornalista, quen cita de seguido a súa fonte: "os directivos da mina e as autoridades locais". Coas mesmas persoas consultou a televisión pública galega os prexuízos para o medio ambiente que unha actividade destas características carrexa, para concretar que "case non existe impacto". 

Outros dous argumentos que están en boca de todas as empresas mineiras son a xeración de emprego e o asentamento da poboación. Din na TVG que a mina de Kíttilà "emprega 600 persoas, a maioría veciños do lugar" e recollen declaracións da rexedora, Anna Mäkelä, quen sinala que a poboación da localidade aumentou desde que se instalou a mina, que baixou o desemprego e que desta actividade chegan o 50% dos ingresos do municipio. 

A outra cara da idílica paixase mineira lapona: si que houbo denuncias

A TVG non incluíu na súa información referencia ningunha a estudos de impacto ambiental que se terán realizado desde 2008, e incluso antes da posta en marcha do proxecto mineiro. Negan a oposición veciñal e social, mais non dan voz nin a organizacións ecoloxistas nin á veciñanza. Aliás, non inclúen tampouco o rexeitamento que a emisión desta publirreportaxe xerou nas plataformas que se opoñen á mina de Corcoesto.

Salvemos Cabana emitiu un comunicado de imprensa denunciando a ocultación de información. Seica si que houbo denuncias. No concreto, as presentadas en 2012 por dúas europarlamentares finesas --Satu Hassi (Verdes/ALE) e Sirpa Pietikäinen (PPE)-- sinalaron nunha pregunta dirixida á Comisión europea que, aínda que a empresa di que non hai xeito de que o cinauro escape ao medio, "existen informes que sinalan emisións que superan os níveis estabelecidos na licencia ambiental".

Pola súa banda, a Plataforma pola defensa de Corcoesto subliñou que o lugar onde está asentado o proxecto mineiro "caracterízase por ser un concello cunha basta extensión territorial improdutiva, superior á de todo o territorio da Coruña, moi baixamente poboada e sen ningún tipo de actividade económica agás o turismo", tal e como confirma a propia alcaldesa do lugar na entrevista da TVG ao sinalar que o 50% dos ingresos restantes proveñen do turismo. 

Por contra, nos concellos afectados polo proxecto mineiro de Corcoesto --Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco-- a densidade de poboación é alta e neles "desenvólvense multitude de actividades agrícolas, gandeiras e florestais, o que supón un uso intensivo do territorio que non é compatíbel coa actividade mineira".

Procurando un pouco máis, un informe presentado este ano polo bioquímico finlandés experto en contaminación mineira Jari Natunen confirma que a mina que Edgewater vende como modelo a través da TVG "está a provocar niveis ambientalmente perigosos de arsénico e antimonio e outros metais pesados nos ríos da zona", ademais doutros danos provocados polo proceso de lixiviación.