A TVG busca “mamá sexy guapa preocupada pola súa imaxe” para un programa

Captura da páxina de facebook da modelo Dolores Couceiro en que se publicou a oferta que buscaba "mamá sexy guapa" para un programa da TVG.
A TVG busca “familia” para un programa. Pero pon requisitos: “Familia con nenos entre 2 e 18 anos. Urbanitas. A mamá sexy guapa, preocupada pola súa imaxe. Por suposto comunicativos e que non lles importe saír na televisión”. A oferta publicouna na súa conta de facebook a modelo e fotógrafa Dolores Couceiro este 1 de setembro. Retirouno unhas horas despois.

O texto explicaba ademais que as persoas voluntarias debían ser residentes na Galiza, que a gravación durará cinco días e que será pagada. E engadía: “Outros perfís que se buscan: familias vegenas, ecoloxistas a ultranza, desportistas, gandeiras...”. Todo redactado en castelán. Nunha seguinte publicación aparecía un correo de contacto para o programa, cuxa conta se chama “intercambiodefamilias”.

Nas respostas aos comentarios da oferta a propia Dolores Couceiro aclaraba que a TVG está ao corrente do perfil que se procura. O que non era explícito é se se trataba dunha produción do ente ou encargada a unha produtora externa. Mais a publicación desapareceu do Facebook esta segunda feira, poucas horas despois de transcender.

'A miña nai chámase Eva Iglesias'
A busca de “mamá sexy guapa” para un programa da TVG comeza apenas uns días despois de que a canle pública anunciara un espazo televisivo “especial” dedicado ao nacemento da filla da filla da artista Eva Iglesias. A miña nai chámase Eva Iglesias consistiu nunha entrevista á colaboradora de Land Rober en que esta ofreceu “as súas primeira impresións e sentimentos como nai de Julia”.

“A elección do nome da nena, as sensacións que tivo ao ver as primeiras ecografías, o nacemento da pequena, a figura da súa nai e o apoio do seu marido, entre outros moitos aspectos persoais e profesionais, hoxe na TVG”, constaba na web do medio público o pasado 29 de agosto. O asunto provocou as críticas da plataforma Defende a Galega, que agrupa profesionais contrarios á manipulación informativa na Televisión Galega.

 

Nota: banner publicado en facebook relativo á busca de "mamá sexy guapa" para un programa da TVG.