Caderno de Verán

Turismo a vista de paxaro

Interior duin dos 'niños' construídos en Carnota (Foto: Cedida)
As e os visitantes, e mesmo a poboación galega, poden pasar unha noite nunha casa feita de palla, no alto dunha árbore, nunha burbulla illada ou nun niño. Son só algunhas das propostas hoteleiras máis innovadoras do empresariado

Un dos grandes atractivos que ten a Galiza é que os empresarios non paran de buscar novas iniciativas para sorprender e atraer as e os consumidores. Esa filosofía de innovación esténdese tamén aos hoteis. Así é como as persoas visitantes poden acabar cumprindo o soño de infancia de durmir nunha casa da árbore, dentro dunha burbulla ou sentirse paxaro por unha fin de semana. 

‌Ao tempo que chegan á Galiza cadeas de prestixio mundial como DoubleTree by Hilton, as propostas de turismo perdidas ou con maior liberdade e intimidade seguen a conquistar. 

Non necesariamente todas son acabadas de chegar porque xa se sabe que 2020 está a ser un ano raro. Malia todo, as cabanas construídas sobre árbores na Serra de Outes suman reservas. Outro dos aloxamentos inesperados é, sen dúbida, unha casa rural máis ao uso en Ordes.

A gran diferenza está cando investigas un pouco a súa composición. Intentando dar un paso adiante na construción sostíbel, por exemplo, hai paredes elevadas coas balas de palla, que son protectoras térmicas. 

Para aloxarse no país, tamén vai gañando terreo o glamping, un cámping con glamour como xa di o nome. Expoñentes desta filosofía de conexión coa terra pero con todas as comodidades son os cuartos burbulla creados en Sanxenxo e Oleiros

Outro dos negocios que máis está a triunfar esta tempada é durmir nunha casiña de paxaros. Pode confirmalo Miguel Fernández Sar, propietario do estabelecemento Niños de Carnota. "Nós saímos máis favorecidos da situación actual porque a clientela procura lugares illados e tranquilos", subliña, e a súa opinión podería facerse extensiva a boa parte do turismo rural. Salvo imprevistos, fan unha tempada ao 100% desde xuño até finais de setembro. 

O complexo, que construíu nunha finca herdada do seu pai, abriu as súas portas hai pouco máis dun ano, conta con sete niños aptos para parellas ou familias, pois dispoñen dun altiño. "Quería facer algo diferente e ocorréuseme ter os cuartos en alto para que haxa vistas á natureza e ás aves", afirma Fernández. Non se deixou nada á improvisación e mesmo lanzaron rutas ornitolóxicas para a clientela.