Editorial Sermos311

Turismo sustentábel

Turistas na rúa Real da Coruña. Foto: Erik Dobaño.

Sustentabilidade e responsabilidade social deberan ser chaves no turismo, cuxa cara b esconde precariedade e alugueiro ilegal de pisos turísticos. Cómpre reflexionar sobre novas fórmulas turísticas centradas máis no aspecto cualitativo que no cuantitativo, máxime tendo en conta os recursos de calidade cos que conta Galiza para mellorar dun xeito sustentábel. Nesas novas fórmulas debera incorporarse a identidade propia da nación e a excepcionalidade como características imprescindíbeis, ao igual que debera garantirse o coidado do patrimonio, quer cultural, quer natural.

 

Segundo os dados da Xunta de Galiza, o turismo deu emprego en 2017 ao 10,8% da poboación galega. Porén, hai que pór no albo o tipo de traballos dos que estamos a falar. Temporalidade e precariedade son comúns a boa parte dos empregos que teñen a ver co turismo estacional. Unha situación que padecen, sobre todo, as mulleres —que son maioría na limpeza e na cociña dos estabelecementos hostaleiros.

 

Por outra banda, faise necesario o diálogo entre institucións para combater o alugueiro ilegal de pisos destinados ao turismo, que deixa unha pegada significativa en lugares como Compostela. O casco histórico da capital sofre un monocultivo turístico que pode chegar a expulsar residentes, debido ao alto prezo e á falta de vivenda para alugar fóra do uso turístico.