Turismo masivo nas Cíes ante os continuos incumprimentos das navieiras

(Imaxe: Xunta)

A Xunta abriu 65 expedientes nos últimos catro anos por irregularidades no servizo de transporte, entre elas a venda de máis billetes dos permitidos. Pese as sancións económicas, as empresas persisten nesta práctica.

“Teñen todo o ano para ganar cartos”. Con estas palabras, o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, sinalou as navieiras como responsables do exceso de visitantes que provoca a masificación turística das Illas Cíes. Unha situación que non é nova, orixinada pola venda de máis billetes dos permitidos para protexer este espazo natural. Incumprimentos que no pasado se saldaron con sancións económicas pero que, como se volveu demostrar, foron insuficientes para frear estas prácticas.
 

"Un exceso de menos de mil persoas en agosto é suficiente para cubrir todas as multas impostas en 2016 contra as navieras"


A Consellaría de Medio Ambiente abriu no que vai de curso 26 expedientes contra as catro empresas que xestionan as rutas marítimas (Mar de Ons, Nabia, Tour Rías Baixas e Cruceros Rías Baixas). Seis delas graves por superar o límite de pasaxeiros. Entre outras, os axentes do Parque Nacional contabilizaron un exceso de 2.000 persoas, case duplicando o máximo de 2.200 visitas diarias permitidas, os días 3 e 5 de agosto. As navieiras expóñense agora a multas que poden chegar, segundo recolle a lexislación vixente, á suspensión temporal ou definitiva da concesión para transportar viaxeiros desde Vigo, Cangas ou Baiona.
 

En 2016, a Xunta tramitou 14 expedientes que se saldaron con multas 18.000 euros contras tres das navieiras mencionadas. Cun prezo de 18,50 euros por billete en temporada alta, un exceso de menos de mil visitantes amortizaría estas multas. Nos últimos catro anos, acumulan un total de 65 expedientes por diferentes irregularidades. Malia que o transporte de viaxeiros a Cíes está activo entre agosto e outubro, as dúas navieiras principais –Mar de Ons e Nabia– teñen tamén a concesión do servizo regular entre Cangas, Moaña e Vigo. E as cifras récord de visitantes dos últimos anos ás illas, cun total de 290.000 persoas en 2015 e de 274.000 en 2016, evidencian a rendabilidade dun negocio que non xustifica os excesos.

 

A masificación pode “esnaquizar” hábitats prioritarios, multiplica o consumo enerxético e empeora o servizo para os visitantes, que rexistraron numerosas queixas.

A masificación supón un dano irreparable deste espazo natural protexido. Segundo o director do Parque Nacional, en declaracións recollidas pola axencia Europa Press, pode “esnaquizar” hábitats prioritarios, multiplica o consumo enerxético e ademais redunda nun peor servizo para os visitantes, que teñen rexistrado numerosas queixas a causa das aglomeracións. En caso de emerxencia, convértese nun problema maior, de ter que evacuala sen coñecer o número exacto de persoas.

 

As denuncias prodúcense en plena campaña municipal para candidatar as Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, fronte a contraproposta da Xunta, que quere incluír a totalidade do Parque Nacional con Ons, Sálvora e Cortegada. Un conflito aberto que pode intensificar o control e as sancións sobre as navieiras. Entre outros interrogantes, está por resolver como canalizan as empresas concesionarias os ingresos dos billetes vendidos sen rexistrar.

 

Atrasos nas rutas e precariedade laboral

 

Boa parte dos expedientes da Xunta contra as navieiras están relacionados con incumprimentos horarios. Por exemplo, usuarios do barco ás Illas Cíes desde Cangas veñen de denunciar continuos atrasos por parte da empresa Mar de Ons, que causaron perdas de enlaces ou aglomeracións nos barcos. Nalgúns casos, atrasos provocadas por paradas en Vigo de viaxes en teoría directas.

 

Protestas tamén entre o persoal da concesionaria, que segundo fontes consultadas viron minguar o seu salario con respecto a anteriores anos sen explicacións. Neste sentido, alertan de que a empresa planea rebaixarlle a categoría profesional ás traballadoras en terra, o que suporía precarizar as condicións laborais malia vivir o sector en alza.