'A provincia que sabe', unha campaña que busca pór en valor a gastronomía "de calidade e sustentábel" na Coruña

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, na presentación da campaña 'A provincia que sabe'. (Foto: Nós Diario)
A iniciativa parte da Deputación da Coruña co obxectivo de identificar os produtos agroalimentarios de produción local que cumpran estes parámetros.

A Deputación da Coruña vén de presentar a campaña 'A provincia que sabe', destinada a impulsar a gastronomía "de calidade e sustentábel". A área de Turismo do Goberno provincial promocionará, deste modo, os produtos agroalimentarios de produción local que cumpran estes parámetros.

"Queremos que cando o público escoite 'A provincia que sabe' de todos os territorios posíbeis, pense automaticamente na Coruña", precisou na presentación do programa, no marco do 'Galiza Forum Gastronómico' o vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira. Ao acto asistiron representantes dos xeodestinos coruñeses, alcaldes e edís de gobernos municipais, persoal técnico dos concellos, profesionais da restauración e distribución e produtores e produtoras.

'A provincia que sabe' parte, afirmou Regueira, dun lema xa coñecido no ámbito do promoción gastronómica para aproveitar unha idea "xa instalada no imaxinario colectivo" e "utilizala con intelixencia para que cada vez que se fale de produto galego que sabe, de forma instantánea se identifique coa provincia da Coruña e coa excelencia, tanto dos nosos produtos como do bo facer dos cociñeiros e cociñeiras".

Poderán participar as empresas da Coruña que pertenzan a algún selo de calidade

Así, o deputado asegurou que esta iniciativa non busca "inventar nada que colisione ou interfira" con outras marcas xa consolidadas nos xeodestinos. "Todo o contrario —defendeu—, o que se pretende é darlles maior relevancia e, polo tanto, poderán solicitar a súa participación as empresas que estean radicadas na provincia da Coruña, que conten con centros de produción no territorio provincial ou que transformen o produto na provincia e que pertenzan a algún selo de calidade".

Un dos aspectos esenciais da campaña, precisou Regueira, é a desestacionalización. "Está enfocada a un perfil de turista exixente que saiba valorar a calidade e a esencia do produto que lle estamos ofrecendo e mesmo que sexa capaz de desprazarse ao territorio en diferentes estacións buscando experiencias gastronómicas de alta calidade e de tempada", engadiu.

A campaña servirá de "paraugas", dixo, a produtos existentes nos xeodestinos da Coruña que estean avalados polos seus entes de xestión, produtos ou estabelecementos que conten con algún certificado de calidade homologado como os 'Q' de calidade ou semellantes, produtos que estean seleccionados por normas de calidade doutras administracións tipo 'Galiza Calidade' ou aqueles que pertenzan aos ámbitos das Indicacións Xeográficas Protexidas ou Denominacións de Orixe.

Tamén amparará empresas non incluídas nos anteriores apartados que conten cunha solicitude avalada polo xeodestino "xustificando o seu compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento do territorio".