Turismo da Galiza descoñece como é un acivro

A esquerda imaxe de Turismo da Galiza, a dereita follas de acivro. (Foto: Turismo da Galiza / jacilluch)
Ducias de persoas cuestionaron o traballo de Turismo da Galiza, unha entidade pública dependente da Xunta, despois dunha publicación en redes sociais na que amosan o seu descoñecemento do acivro, confundíndoo co capudre.

Turismo da Galiza recibiu onte as críticas de ducias de persoas nas redes sociais despois de facer unha publicación na que confundían o acivro, a árbore que querían destacar polo alto do Acevo na Fonsagrada, co capudre, que ilustraba a imaxe da publicación.



Estas árbores comparten uns froitos pequenos e vermellos, mais cunhas follas marcadamente distintas, oblongas e con pequenos bordes serrados as do capudre, e con bordes ondulados e fendidos as do acivro.

En poucos minutos a publicación, que xa foi borrada, comezou a encherse de comentarios de persoas sen coñecementos específicos de botánica que apuntaban que “mira se son características as follas do acivro que até eu as coñezo, que clase de inútiles do partido teñen contratados para levar o turismo”.

Outro usuario sinalaba que a confusión é resultado de confundir monte con eucalipto, mentres que doutra banda unha persoa cuestionaba a clase de turismo que se promove, sinalando que isto acontece por promover un turismo na natureza de “tirarse en balsa, bici ou correr 200 tip@s por zonas protexidas, non un turismo de natureza, de coñecela. A proba máis clara. Non coñecedes o que vendedes”. 

Ao tempo que algunhas publicacións solicitaban máis protección ao patrimonio arbóreo, unha usuaria aclaraba a especie correcta á que se refería a imaxe utilizada pola entidade pública, dependente da Xunta da Galiza.

“Non pode amarse o que non se coñece nin chegar a protexerse o que non se ama. Así lle vai a esta maltratada terra coa impostura e a cobiza”, laiábase unha persoa que lembraba que hoxe amais é o día mundial do medio ambiente.

Un veciño da zona aproveitou para explicar que “non hai moitos acivros no Acevo”, non obstante, capudres “si hai moitos á beira da estrada de Grandas”. A maioría dos comentarios en tanto, apostaron pola retranca, “o mellor é o hashtag do final, #sentidiño”