Caderno de Verán

O turismo busca a soidade

Sitios como Combarro, en Poio, atraeron xente (Foto: Nós Diario)
Os negocios baseados no aluguer de pisos particulares intentan unificar os seus criterios de limpeza e seguridade colaborando coa Xunta. Malia esa dinámica común, o turismo preferiu ir máis cara vilas pequenas e tranquilas

Moitas turistas que chegan a Galiza veñen buscando tranquilidade pero outras tantas acoden á chamada do país pola sona das súas festas, da súa gastronomía e da súa hospitalidade. Grazas a un interese crecente por coñecer a terra desde hai uns anos no sector turístico convivían os apartamentos privados e os aloxamentos hoteleiros. Pero este ano a intimidade que ofrecen os pisos está inclinando a balanza.

É o que din desde a Asociación de Vivendas Turísticas de Galiza (Aviturga), cuxos datos do mes de xullo amosan que se mantivo unha ocupación de 68%, algo nada desprezábel nos tempos que corren. Non están a ter a mesma sorte cada unha das 11.000 vivendas rexistradas para este uso.

A entidade indica que as grandes cidades perderon atractivo fronte ás vilas máis apartadas ou, cando menos, cunha poboación máis lixeira.

“Comprobamos que as zonas rurais, tanto de municipios tradicionalmente visitados como de destinos emerxentes, está a facerse un oco no mercado”, destaca a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín.

Sanxenxo, que concentra o 11% das propiedades, logrou que as e os habituais volverán pasar uns días. A nivel xeral, estes negocios tamén están a padecer pola situación de inestabilidade, se ben Aguín recalca que colaboran coa Xunta “para adaptar o protocolo do Instituto para a Calidade Turística Española á realidade galega”.

O obxectivo non é outro que unificar parámetros como o nivel de desinfección que deben ter as propiedades. Nun clima no que as noticias que xorden sobre a Covid-19 “provocan constantes cancelacións e reservas de última hora incrementando a incerteza xeral”.