A turbeira máis importante de Galiza, de 120.000 anos, ameazada por obras de Costas

Situada na parroquia de Nois é a turbeira de maior antigüidade de Galiza e pode considerarse o xacemento paleoclimático máis importante do noso país e do resto do Estado español, sendo ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos.  Adega e Mariñapatrimonio piden a paralización inmediata das actuacións.

O xacemento de Arealonga (Foz) é a turbeira de maior antigüidade de Galiza. Procede do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrucción da mudanza climática desde as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Tras a súa decuberta polo científico belga Henri Nonn en 1963, este xacemento foi estudado por investigadores de toda Europa. Logo dos franceses na década dos 70, nos anos 80 tamén se interesaron por el científicos alemáns, e nos anos 90 foi obxecto de estudo polo Laboratorio de Xeografía e biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela. 

Un xacemento único que está baixo amenaza por unhas obras de reparación de danos de temporais que realiza a Demarcación de Costas na praia de Arealonga (parroquia de Nois, Concello de Foz), tal e como denuncian Adega e Mariñapatrimonio.

Piden a paralización inmediata das obras

Ambos colectivos piden a paralización inmediata das obras “en preservación dos valores deste xacemento de turba que data de hai 120.000 anos e sobre o que están a actuar directamente as máquinas escavadoras. A maquinaria está a retirar os coídos ou as xógaras de todo o areal, incluídas as que se atopan enriba do xacemento para a construción dun dique no extremo da praia máis próximo ao núcleo de Nois. Esta circunstancia pon en risco a conservación da turbeira, que queda exposta ás adversidade meteorolóxicas e á acción do mar, ademais de alterar significativamente a morfoloxía da praia e, potencialmente, a dinámica costeira da zona”.

Adega e Mariñapatrimonio afirman que as actuacións están a ser efectuadas por Costas pola vía da urxencia “e, previsiblemente, sen os necesarios informes favorables dos organismos competentes en materia de conservación natural nin preservación patrimonial, así como sen as cautelas debidas ou medidas de prevención que son obrigadas para evitar un impacto irreversible sobre o xacemento paleoclimático