Un Túnel do Viño para gozar desde Cambados de toda a riqueza de sabores das adegas Martín Códax
Celebración no marco do Día Mundial do Enoturismo.
Martín Códax fará o vindeiro ano 40 anos da súa fundación, ao pé da ría de Arousa e enclavada na comarca do Salnés, desde onde entón foi medrando. Este sábado, a adega organizou un Túnel do Viño parta conmemorar o Día Mundial do Enoturismo. Adegas Martín Códax está recoñecida como a Mellor Adega Aberta ao Enoturismo do Estado español nos VI Premios de Enoturismo “Roteiros do Viño de España”.
O Túnel do Viño ofreceu aos amantes do viño a oportunidade de coñecer de primeira man as distintas elaboracións da adega, nunha experiencia única que estará maridada cunha selección de queixos con Denominación de Orixe Galega.
O Túnel do Viño realizouse nas instalacións da propia adega en Cambados (O Salnés), e contou con tres quendas de acceso, cada un cunha capacidade limitada de 40 persoas para garantir así unha mellor experiencia.
Durante o percorrido ao Túnel do Viño, o visitante pode coñecer e gozar as diferentes elaboracións que Martín Códax Viticultores realiza non só nas Rías Baixas, senón tamén as propostas da Casa de Marieta ou adentrarse nos seus viños de Monterrei elaborados a partir da uva godello.
O Día Mundial do Enoturismo, promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin), procura pór en valor a cultura do viño e fomentar o turismo vinícola en toda Europa. Esta xornada celébrase anualmente o segundo domingo de novembro e dá lugar a diversas actividades festivas e culturais en diferentes cidades e rexións vinícolas.
Adegas Martín Códax pon en valor “o seu compromiso co desenvolvemento do enoturismo nas Rías Baixas e, especialmente, no Val do Salnés. A través dunha coidada programación de visitas e experiencias cada tempada, a adega convida a locais e visitantes a penetrarse na riqueza cultural e paisaxística da rexión, con actividades que resaltan a contorna e as tradicións da zona”.
Con estas iniciativas, sinala Adegas Martín Códax, “continúa posicionándose como un referente enoturístico na Galiza, brindando experiencias inesquecíbeis que combinan a cultura do viño co goce dunha contorna única”