Tui tampouco quere ser horta de Monsanto

A leira de Mesía na que agromaron as plantas arrincadas (Plataforma Antitransxénicos)
O Concello declárase 'Zona Libre de Transxénicos'. O pleno municipal aproba unha moción proposta polo BNG e súmase aos 27 municipios que previamente subscribiron este acordo simbólico de rexeitamento destes organismos na Galiza. A experimentación ou o seu cultivo supón unha cambadela á loita pola soberanía alimentar do noso pobo

Após 14 anos dunha intensa campaña de sensibilización en contra dos organismos xenéticamente modificados --OXM--, @s veciñ@s de Tui veñen de se declarar 'Zona libre de transxénicos'. O Concello aprobou onte unha moción presentada polo BNG e achegada pola organización Infotransxénicos Tui cos votos a favor de todas as organizacións políticas con representación no consistorio --PP, PSOE, BNG e Alternativa Tudense--, e a única abstención de Converxencia XXI.

"Xuridicamente non ten valor ningún, mais é un acto simbólico de rexeitamento que frea as multinacionais, pois saben que neste municipio haberá unha resistencia ao cultivo ou experimentación con transxénicos e non lles interesa erguer á cidadanía", explicou Ágatha Bröeskamb, alemá afincada no municipio pontevedrés que leva desde 1998 na loita contra os OXM.

Catorce anos sensibilizando
Un ano antes, en 1997, ditárase a primeira normativa europea que regulaba a etiquetaxe dos alimentos elaborados a base de produtos xenéticamente modificados. Desde entón, a información sobre toda esa comida debía aparecer debidamente detallada no envase. Porén, foi corrixida nunha norma posterior, de 2003, que tiña en conta á hora de exixir información sobre a presenza de transxénicos todos os elos da trazabilidade, isto é, toda a cadea de produción.

Coas implicacións na saúde e no medio ambiente que ten a experimentación e o consumo destes organismos, Bröeskamb e o seu colectivo percorreron centros de ensino, locais veciñais e até tendas de produtos agrícolas para informaren a cidadanía, e repartiron listaxes co millo cuxo cultivo está a permitirse para a experimentación --o da multinacional Monsanto-- e a súa variedade MON-810, incluída no Rexistro de Variedades Comerciais. Despois mantiveron xuntanzas con tod@s @s representantes polític@s no Concello "e decidimos agardar ás eleccións e a unha mudanza na alcaldía. Co anterior Goberno --cuxo alcalde era tamén do PP-- a moción non tería saído adiante", explicou a activista.

En Infotransxénicos Tui descoñecen se nas leiras da contorna ou do propio municipio se están a sementar tranxénicos. A información que facilitan en Madrid é "moi xenérica": souberon dunha declaración conforme tales experimentos se facían "na provincia de Pontevedra", sen maior concreción. Segundo un mapa feito público por Amigos da Terra coa información do Ministerio --pdf en español--, non había ningunha solicitude para cultivar OXM na Galiza en 2011, mais na memoria colectiva continúa o caso de Mesía, que a Plataforma Galega Antitranxénicos levou ante a Fiscalía ese mesmo ano.

Mesía: a leira en que medraron as plantas tranxénicas que foran arrancadas
O experimento con sete variedades de millo diferentes fora autorizado nunha leira da localidade coruñesa, mais tivo que ser abandonado de maneira prematura ante "o crecemento desigual da planta", segundo a propia multinacional informou, e que atribuíu ás condicións climatolóxicas.

Segundo a Plataforma, a Xunta de Galiza e o propio Concello teñen a obriga de limpar o terreo de plantas tranxénicas e de vixiar a súa evolución durante un ano, eliminando os agromos antes da época de floración. Mais tal control non se levou a cabo, e o millo de Monsanto volveu medrar. Foi esta a causa de que o colectivo Antitransxénicos presentase ante a Fiscalía da Coruña unha denuncia por un delito ecolóxico contra a flora autóctona, ao afectar as variedades de millo galego.

Portas xiratorias: do xigante dos transxénicos ao Goberno de Zapatero
Coa declaración de Tui son xa 28 os concellos galegos 'Libres de Transxénicos', segundo a listaxe da Plataforma. Así, en Pontevedra son zonas anti-OXM Redondela, A Estrada, Gondomar, Salceda de Caselas, Lalín, O Grove, Silleda, Forcarei e Nigrán; na Coruña estarían Compostela, Mesía, Val do Dubra, Muxía, Zas, Laxe, Cabana, A Baña, Ames, Teo, Negreira e Muros; en Lugo serían Chantada e Riotorto; e en Ourense a moción aprobouse en Verín, O Irixo, Ribadavia e Allariz.

Cabe sinalar tamén que a penetración dos OXM no Estado español non se produciu por casualidade. A titular do Ministerio de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, era, antes de o mecanismo de portas xiratorias a levar a facer parte no Goberno español que liderou José Luis Rodríguez Zapatero, a presidenta da Asebio --Asociación Española de Bioempresas--, o xigante español a prol dos alimentos transxénicos e dos fármacos biotecnolóxicos, do que fan parte as dúas multinacionais que acaparan o negocio dos OXM: Pioneer e Monsanto.