Xustiza

O TSXG ve "indicios" de que Jealsa non cumpre a súa autorización ambiental e insta a Xunta a actuar

Traballadoras da conserveira Jealsa, en Boiro. (Foto: Jealsa)
Unha recente sentenza recolle que unha empresa que ten un criadeiro na zona viu prexudicada a súa produción por unha serie de verteduras, "diminuíndo a produción até chegar a cero en 2021".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de emitir unha sentenza, con data do 5 de febreiro, na que sinala que aprecia "indicios" de que a empresa conserveira Jealsa, en Boiro, non cumpre coas condicións da Autorización Ambiental Integrada (AAI), polo que considera a "incoación, tramitación e resolución" do correspondente procedemento, "á marxe de cal poida ser o resultado". Na sentenza, avanzada esta segunda feira polo xornal Praza, recóllese que unha empresa que ten un criadeiro na zona viu prexudicada a súa produción por unha serie de verteduras, "diminuíndo a produción até chegar a cero en 2021".

Fai referencia a denuncias presentadas en 2017 e 2020 por estas verteduras, "que só puxeron en coñecemento da Administración autonómica". Todas elas foron arquivadas, con excepción dunha na que se impuxo unha multa, por superar os límites de verteduras no apartado de nitróxenos. Tamén se fai referencia a informes do Seprona que indicaban "incumprimento das exixencias legais polas instalacións de Jealsa". En concreto, a existencia dun desaugadoiro non declarado na AAI, dun emisario ilegal que contaba con 17 difusores, cando o autorizado eran 10, "modificación sen seguir o procedemento legal; a superación dos límites autorizados de verteduras; e a afectación das verteduras á saúde humana e á supervivencia dos moluscos".

Ademais, na sentenza emitida pola sala do Contencioso do TSXG exponse que nas respostas emitidas polo Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, da Consellaría de Medio Ambiente, "ao interrogatorio remitido en vía xudicial", sinálase, entre outras cuestións, a existencia do aliviadoiro, que vertía augas residuais sen pasar pola depuradora industrial e non estaba contemplada na Autorización Ambiental Integrada. Tamén que no texto da resolución do 2022 contémplanse 10 difusores e que a existencia de 17 difusores podería implicar unha maior dispersión da vertedura no medio.

Relata tamén que nunha inspección do 13 de marzo de 2023 quedou constatado que o emisario instalado en 2018 tiña 17 difusores e a existencia dun sumidoiro, "que refire ser xa selaxe", así como que nas instalacións de Jealsa atopáronse "as mesmas substancias branco-agrisadas graxentas idénticas ás aparecidas nas praias con ocasión das verteduras denunciadas".

En conclusión, e á vista destas respostas, detalla o TSXG, "ha de considerarse a procedencia da incoación e tramitación do correspondente procedemento sancionador, ditándose resolución expresa que finalice o mesmo, dentro do prazo legal, e sen prexuízo do que resulte do mesmo". Así, reitera que nesta vía xudicial "tan só se aprecian a existencia de indicios que levan a considerar a necesidade da incoación, tramitación e resolución, do correspondente procedemento, á marxe de cal poida ser o resultado". Contra esta sentenza, indica o TSXG, cabe interpor, quer ante o Tribunal Supremo quer ante a correspondente Sección desta Sala, recurso de casación.

A Xunta fará as "inspeccións pertinentes"

Após transcender a sentenza, a preguntas dos medios nunha visita esta segunda feira ao Biopolo da Sionlla, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mostrou o seu "máximo respecto" e avanzou que analizarán e farán "as inspeccións pertinentes", tal e como, asegurou, fixo o Goberno galego "ao longo destes últimos tempos".

A responsábel do departamento de Medio Ambiente recoñeceu que sabían da existencia "dunha serie de denuncias" e a Xunta "fixo as comprobacións". "Hai que ver se cumpre estritamente e facerllo saber ao tribunal, ou se hai algún fallo e comunicalo á empresa e ao TSXG", apuntou. Así mesmo, tras volver mostrar o seu "absoluto respecto" ao TSXG, lembrou que "hai fallos do TSXG que o Supremo tombou" como, exemplificou, "é o caso dos eólicos". "Tamén é certo que temos que facer as comprobacións necesarias e plasmar a verdade e póla enriba da mesa", insistiu.

Nesta liña, detallou que, unha vez recibida a sentenza, analízase e a Xunta ponse en contacto coa empresa, van os inspectores e analizan a situación. "En función diso, se hai incumprimento fáiselle saber á empresa e, se non atopamos incumprimento, pois damos a información ao TSXG", resolveu.