O TSXG ve ilegal a exixencia dun idioma estranxeiro para obter un título universitario se este requisito non figura no plan de estudos

A Sección Primeira da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) considera ilegal que se esixa o nivel  B1 dun idioma estranxeiro para obter un título universitario se este requisito non está incluído no plan de estudos. O caso concreto da sentenza do TSXG  refírese ao grao en Historia da  Universidade de Santiago.

 

 

Afírmase na sentenza que “se se analiza seguidamente o plan de estudos resumido por módulos e por cursos non aparece por ningunha parte a esixencia de coñecemento do nivel  B1 dunha lingua estranxeira, nin sequera de coñecemento transversal”. Así, os maxistrados afirman que, “ao non acharse no plan de estudos aprobado e publicado a esixencia de coñecemento do nivel  B1 da lingua estranxeira, non cabe impoñela para a obtención do título”.

 

“A autonomía universitaria permite que cada Universidade tome a iniciativa na elaboración do plan de estudos ao comezo do procedemento de verificación e acreditación dos títulos, pero non ampara que, unha vez aprobado e publicado o plan de estudos, se introduza esta esixencia do nivel  B1 de lingua estranxeira, que non figura naquel plan, como requisito imprescindible para a obtención do título”, indícase no fallo.

 

 

Para o tribunal, “non cabe negar a competencia da USC para a introdución da devandita esixencia, pero iso non pode realizarse á marxe do plan de estudos e a través dun acordo do  Consello de Goberno [...], de modo que non cabe negar a expedición do título cando acreditou superar toda a formación teórica e práctica obrigatoriamente esixida polo seu plan de estudos”.