Xustiza

O TSXG suspende a autorización da Xunta á mina de feldespato de Muras pola súa proximidade a espazos protexidos

Mina de San Acisclo, en Muras. (Foto: Europa Press)
Urbas obtivo a finais de 2022 a autorización do Goberno galego para explotar o seu xacemento de feldespato a ceo aberto en Silán (Muras), o maior de todo o Estado español e segundo de Europa, cunhas reservas de 12 millóns de toneladas valoradas en 660 millóns de euros.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión cautelar do proxecto da mina de feldespato do municipio de Muras (Terra Chá), autorizado pola Xunta a Urbas, pola súa proximidade a espazos protexidos. Así, decidiu acoller a pretensión da asociación Petón do Lobo de suspender de forma "inmediata e incondicionada" a execución da resolución da Xunta, de 19 de decembro de 2022, na que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da 'sección C' da mina de Muras.

A asociación presentou un incidente cautelar na forma ordinaria para solicitar a suspensión, no que incorporou, segundo consta no auto, mapas sobre as zonas protexidas que se localizan a unha curta distancia da explotación da concesión mineira de feldespatos. Aliás, o tribunal subliña que o defensor autonómico "achegou ao seu escrito de oposición, no que admite que, malia que o lugar onde se localiza o proxecto de ampliación da mina que se autorizou non figura dentro de espazos protexidos, a área de actuación das obras si que está moi próxima ao espazo protexido Serra do Xistral, da reserva da biosfera Terras do Miño, así como dunha zona húmida, ao que engade que existen especies ameazadas de flora e fauna".

"Non se pode pasar por alto que, após admitir este informe a proximidade da explotación mineira con espazos ecosistémicos sensíbeis, rematou por concluír que non é previsíbel que o proxecto xere efectos significativos", indica a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo no auto, no que lembra que "os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea, de modo que, ante a mera posibilidade de que se produza un dano irreparábel ou de moi difícil ou incerta reparación —aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas—, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco", sostén.

A isto engade a Sala que debe ser prevalente "o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora da explotación mineira en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito". Por iso, acordou impor a suspensión cautelar interesada. Contra o auto cabe interpor recurso.

O proxecto

Urbas obtivo a finais de 2022 a autorización do Goberno galego —con resolución do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila— para explotar o seu xacemento de feldespato a ceo aberto en Silán (Muras), o maior de todo o Estado español e segundo de Europa, cunhas reservas de 12 millóns de toneladas valoradas en 660 millóns de euros que poderían ser substancialmente superiores conforme aos últimos estudos de prospección e sondaxes realizadas.

A previsión da empresa é extraer arredor de 200.000 toneladas anuais de feldespato, que se incrementarán sucesivamente e poderían chegar a 500.000 mediante a posta en explotación doutras frontes mineiras e a apertura das outras catro concesións lindeiras. Unha vez tratado e refinado, este material podería alcanzar un prezo de mercado de 130 euros por tonelada.

Con 94% da produción estatal concentrada na provincia de Castelló (País Valencià), é o primeiro produtor de azulexos en Europa e o quinto do mundo. Con todo, a produción estatal de feldespato —máis de 900.000 toneladas— non pode abastecer a demanda da industria de pavimentos e revestimentos cerámicos —case 3,5 millóns de toneladas—, polo que é necesaria a súa importación.

De feito, no Estado español é tamén o principal importador de feldespato —procedente maioritariamente de Turquía—, por diante de Italia e India, cunhas 2,7 toneladas anuais. Por iso, Urbas considera que o xacemento de Silán é unha alternativa "nacional e sustentábel" á importación, sobre todo coa conxuntura internacional actual afectada polo encarecemento enerxético, do prezo das materias primas e polos atrasos na cadea de subministración. A previsión era que a produción do xacemento de Silán se destine ao consumo a nivel estatal, malia que non se descartan outros mercados.