O TSXG condena o Sergas e a Xunta por "vulnerar os dereitos" do persoal médico de Pediatría e Primaria

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital de Ourense. (Foto: Xunta)
A Consellaría de Sanidade "incumpre coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto de traballo", sostén a sentenza.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou a Xunta e o Sergas por "vulnerar os dereitos dos médicos de Atención Primaria e os pediatras" do sistema público de saúde do país ao "non respectar" a normativa vixente para garantir a súa integridade pública e a súa saúde.

A sentenza da Sala do Social do alto tribunal galego responde á demanda de conflito colectivo que o sindicato O'Mega presentara o pasado mes de agosto para denunciar a desproporcionada carga de traballo á que o Sergas e a Consellaría de Sanidade sometían médicos e pediatras da Primaria galega, obrigados a atender a unha media diaria de 70 pacientes, o dobre do límite estabelecido polo propio Goberno galego na normativa deseñada para ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade.

O TSXG declara probado nesta sentenza que o Sergas, dependente da Consellaría, "incumpre coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto de traballo" e condena os dous organismos públicos demandados a "afectar de forma inmediata a preceptiva avaliación de riscos laborais, incluíndo específica e concretamente a valoración psicosocial dos postos de traballo dos médicos de atención primaria e dos pediatras".

Na súa demanda perante o TSXG, O'Mega denunciaba que a sobrecarga de traballo á que son sometidos os facultativos de atención primaria ocasiona prexuízos tanto para o persoal médico —ao provocar que se multipliquen tanto as incapacidades laborais como o risco de emitir un diagnóstico erróneo— como para os usuarios da sanidade pública, que non reciben unha asistencia de calidade acorde cos estándares deseñados polo propio Goberno galego.

De feito, O'Mega puña de manifesto na súa demanda que a pesar de que Galicia conta desde o ano 2021 cunha normativa denominada 'Criterios de Calidade das Axendas dos/as Médicos/as de Familia de Atención Primaria' que estabelece en 40 o número máximo de pacientes que pode atender nun día un facultativo da Primaria, "de forma reiterada e constante" os médicos ven obrigados a atender consultas de até 80 pacientes nos 300 minutos dos que dispoñen na súa xornada laboral, o que arroxa unha media de pouco máis de tres minutos e medio por paciente, tempo que para o sindicato é "absolutamente insuficiente para ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade".

Risco para a saúde

O alto tribunal detalla que a Administración sanitaria galega non puxo en práctica os plans de prevención de riscos laborais que debía adoptar segundo a normativa vixente e con iso puxo en risco a saúde dos médicos e pediatras que traballan no sistema de Primaria do Sergas. A sentenza recolle un informe de Inspección de Traballo no que "se constata un incumprimento xeneralizado da normativa preventiva vixente en relación coa realización das avaliacións dos riscos psicosociais" aos que ven sometidos os facultativos debido á súa elevada carga de traballo.

Aínda que admite que "o desgaste dos profesionais é un feito incontestábel debido á súa dedicación", o TSXG non se pronuncia sobre o feito de que o elevado número de pacientes que deben atender cada día vulnere o dereito dos médicos á súa propia saúde porque, segundo sinala no fallo, iso "excede deste procedemento".

O secretario xeral de O'Mega, Manuel Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo feito de que o TSXG ratificase na súa sentenza os feitos denunciados polo seu sindicato. Aliás, puxo de manifesto a incoherencia que supón que a Administración galega, que é a encargada de vixiar polo cumprimento da lexislación en materia de prevención de riscos laborais, incumpra cos seus traballadores precisamente a mesma normativa que pretende facer cumprir ás empresas galegas.