O TSXG responsabiliza o Concello de Vigo do mantemento da dársena que afundiu no Marisquiño en 2018

Zona do paseo das Avenidas que afundiu durante un concerto do Marisquiño 2018, en Vigo (Foto: Europa Press).
Desde o Goberno local inciden en que o fallo do Tribunal Superior "non é unánime", e din que estudarán a posibilidade de interpor un recurso de casación contra esta sentenza.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de emitir dúas sentenzas nas que considera que o mantemento do paseo das Avenidas de Vigo, parte do cal afundiu durante un concerto do festival O Marisquiño de 2018, era "responsabilidade municipal".

Nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, o TSXG sinala que "existen causas" para anular o convenio 'Abrir Vigo ao Mar', subscrito en 1992 entre Concello, Zona Franca e Autoridade Portuaria, "debido a que se entende que o Concello incumpriu a súa obriga de manter e conservar parte da área afectada por ese documento".

"Necesariamente, o mantemento debe conectarse coa seguridade e co uso, e o Concello non o cumpriu, á vista dos documentos achegados, xa que diferentes cargas sobre os elementos cedidos poden ter consecuencias distintas", sostén o fallo xudicial.

Aliás, os maxistrados subliñan que o Concello, "antes de autorizar un uso diferente ao simple paseo, que era o que tiña na concesión", debeu "valorar a seguridade da instalación".

"Os usos víñanse xestionando polo Concello desde unha posición de control das instalacións cedidas, polo que necesariamente debería de controlar todas as medidas que afectasen ditas instalacións, non puidendo pretender que tivese liberdade de uso mais sen responsabilidade en canto ao mesmo", prosegue a sentenza.

Resposta do Concello

Pola súa parte, o Goberno local, a través dun comunicado, evitou entrar a valorar o contido das resolucións, se ben salientou que "ambas as dúas teñen un importante voto particular" no que un dos xuíces indica que en 1992 esa dársena "non podía incluírse no convenio 'Abrir Vigo ao mar'", ao tempo que sinala que tampouco aparece mencionada "na acta de entrega das obras por Zona Franca ao Concello", formalizada en 2003.

Neste senso, desde o Concello de Vigo inciden en que a decisión do TSXG "non se toma por unanimidade" e "non se impoñen costas, o que constitúe un elemento procesal moi significativo".

Contra esta resolución cabe presentar recurso de casación, algo que os servizos xurídicos municipais "están a estudar".