O TSXG rexeita que os capeláns dos hospitais sexan considerados persoal do Sergas

Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou que os capeláns que prestan os seus servizos nos hospitais galegos sexan considerados persoal laboral do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Nunha sentenza con data do pasado 26 de maio e da que informou esta cuarta feira o alto tribunal galego, os maxistrados destacan que a "actividade pastoral" que realizan os sacerdotes é "allea totalmente ao Sergas". O Goberno galego destina 700.000 euros a pagar a 41 capeláns a xornada completa e 11 a xornada parcial.

Así, subliñan que esa actividade "nin coincide coa propia do Sergas -a aconfesionalidade do Estado así o impide- nin o Sergas pode impartir ordes e directrices na súa execución, algo que só cumpre o bispo, que é, ademais, o que designa e cesa os capeláns".

O TSXG recalca que, "sen dúbida", as prestacións que derivan da asistencia relixiosa, ao ter natureza espiritual, son "alleas á competencia do Estado e, por iso, a súa fixación corresponde de forma exclusiva ás autoridades eclesiásticas, pois, noutro caso, estar a infrinxir o principio de laicidade do Estado".

O alto tribunal galego pronúnciase sobre o asunto nunha resolución na que, do mesmo xeito que o maxistrado do Xulgado do Social número 1 de Ourense, rexeita que a relación que manteñen catro capeláns do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que prestan os seus servizos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sexa de natureza laboral, tal e como demandaban os sacerdotes. Os maxistrados subliñan que "en ningún caso" poden ser considerados persoal laboral do Sergas.

Designados polo bispo de Ourense

Na resolución, o tribunal explica que, na súa condición de sacerdotes da Igrexa católica, foron designados polo bispo de Ourense para prestar atención pastoral e espiritual aos pacientes ingresados no CHUO.

Todo iso no ámbito do Acordo sobre Asistencia Relixiosa Católica en centros hospitalarios públicos, asinado polo Estado e a Santa Sé o 24 de xullo de 1985, así como polo Convenio Marco, de 2 de setembro de 1995, entre o Sergas e a representación dos bispos da Galiza.

"Trátase dun convenio que, sen dúbida, pode asimilarse á figura da contrata de servizos", explica o TSXG, á vez que resalta que o responsábel do pago dos salarios é o Sergas e que, en base a ese convenio, debería ser a Diocese a que confeccionase e abonase as nóminas. Con todo, até este ano, era o Sergas o que abonaba directamente as nóminas aos capeláns, algo que, segundo o TSXG, tratábase dunha "mera irregularidade formal" que foi corrixida.

Os xuíces aseguran que o feito de que o Sergas, que é o responsábel de pagar os salarios, llos aboase directamente aos sacerdotes, en lugar de pagarllos á Diocese para que esta llos ingresase aos capeláns, "non é máis que un suposto de incumprimento do acordo, pero, en ningún caso, supón a consideración dos capeláns como persoal laboral do Sergas, tendo en conta a inexistencia de fraude na contratación, contando a Administración cunha habilitación normativa expresa", subliña a Sala do Social do TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.