TSXG rexeita a petición do Concello de Pontevedra de anular a autorización ambiental da fábrica de Ence

Plante de celulosas de ENCE (Foto: Augamorta)

O  Goberno local sopesa a posibilidade de recorrer a sentenza.

A Sección Segunda da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou o recurso interposto polo Concello de Pontevedra no que pedía a revisión da autorización ambiental outorgada pola Xunta á fábrica de pasta de papel da empresa Ence situada en Lourizán.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, o recurso foi interposto en setembro do ano 2018 contra a resolución da Dirección  Xeral de  Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia.

O recurso municipal baseábase en que a resolución da Xunta na que revisaba a autorización ambiental produciuse contravindo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), no que a propia Xunta ordenaba a recuperación ambiental deses terreos.

A sentenza do alto tribunal galego conclúe, con todo, que a data de 2018 que marcaba a Xunta para devolver os terreos ao seu estado orixinal estaba vinculada á concesión outorgada polo Estado a Ence e que este prazo, sinalan os maxistrados, "mutou tras a ampliación  concesional" aprobada polo executivo en funcións que presidía Mariano Rajoy, que autorizou a continuidade da pasteira ata o ano 2073.

Na resolución arguméntase que a aplicación da disposición do Plan de Ordenación do Litoral (POL) que avala a recuperación dos terreos de Lourizán "non pode interpretarse como de prazo vencido senón como un obxectivo de regular a recuperación do espazo  concesional unha vez que a empresa  codemandada abandone as instalacións".

Segundo informou a portavoz do goberno local de Pontevedra, a concelleira Carme Dá Silva, o  Concello sopesa a posibilidade de recorrer a sentenza, aínda que os servizos xurídicos desaconsellan presentarse ante o Tribunal Supremo.

A administración municipal foi condenada, ademais, ao pago das costas do xuízo.