A trata con fins de explotación sexual tamén é violencia de xénero: así o recolle esta sentenza do TSXG

Os xuíces equiparan na sentenza esta vítima co resto das amparadas pola Renda Activa de Inserción. (Foto: Europa Press)
O alto tribunal galego pronúnicase en contra do SEPE e recoñece o dereito dunha vítima de trata de persoas con fins de explotación sexual a participar do programa da Renda Activa de Inserción, equiparándoa, en consecuencia, ao resto de mulleres vítimas de violencia machista.

Sentenza crucial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. A sala do social vén de recoñecer o dereito dunha vítima de trata de persoas con fins de explotación sexual a incorporarse ao programa da Renda Activa de Inserción, aceptando, a súa equiparación á de vítima de violencia de xénero. O alto tribunal rexeitou, en consecuencia, o recurso do Servizo Público de Emprego (SEPE).

Entenden os xuíces que no concepto de violencia de xénero, no que atinxe ao dereito a acceder a esa renda de inserción, "pódense incluír as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual debido á interpretación evolutiva dos dereitos humanos". Tanto un como outro termo, explican, "coñeceron, no dereito internacional, e tamén no español, unha importante evolución, e seguen inmersos nela".

A sala precisa, aliás, que a resolución foi adoptada ao abeiro da aplicación das normas desde unha perspectiva de xénero, polo que "a vítima que careza de ingresos e recursos vai padecer unha situación de vulnerabilidade parangonábel á das vítimas de violencia de xénero a mans da parella ou ex parella que carezan de ingresos e recursos".

Sinalan, na mesma liña, que "a ausencia de normas legais ou regulamentarias ou de criterios administrativos" para acreditar a situación de violencia de xénero é "unha mera cuestión burocrática que non pode obstar para a recta aplicación do Dereito cando, como é o caso, a demandante está identificada como vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual pola Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais da Policía Nacional".

"Non existe ningunha dificultade en concluír que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, tal como se define nas normas e instrumentos de Nacións Unidas, o Consello de Europa e a Unión Europea, e segundo o interpreta o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, encaixa á perfección nas definicións de violencia contra as mulleres, violencia de xénero e violencia contra as mulleres por razóns de xénero manexadas nas normas e instrumentos de Nacións Unidas e do Consello de Europa", prosegue a sentenza, que tamén matiza que a situación non é a mesma no Dereito español.

Precisamente, inciden, a Lei 1/2004 unicamente considera violencia contra as mulleres por razón de xénero aquela exercida "por quen sexa ou fosen os seus cónxuxes ou de quen estea ou estivesen ligados a elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia", caso no que non se incluiría unha vítima de trata.

A este respecto, porén, o Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero de 2017, acordado polas forzas parlamentarias, afondou na importancia de declarar tamén como formas de violencia contra a muller as recoñecidas no Convenio de Istambul, namentres a Lei do 'só si é si' tamén apunta que se debe considerar violencia sexual a trata con fins de explotación sexual.

"Existe unha conciencia tendente á ampliación do concepto nacional de violencia de xénero até equiparala aos estándares internacionais que, con especial intensidade, se proxecta sobre as vítimas de trata de persoas con fins de explotación sexual", subliña a sala.