O TSXG ratifica 12 anos despois a ilegalidade dunha urbanización de 69 adosados na Frouxeira

En marzo de 2005 o concello de Valdoviño aprobaba o proxecto de urbanización "Unidade de Actuación nº 2 de A Saiña". "Construcciones Rías Gallegas SA", solicitaba entón licenza para a edificación das primeiras 17 vivendas dun total 69, chalés unifamiliares e adosados. A urbanización, denunciou Adega, ocupaba solo rústico de especial protección de espazos naturais, solo rústico de especial protección de costas por incluir terrenos a menos de 100 metros do dominio público, e tamén solo rústico de especial protección do patrimonio, por atoparse dentro da afección do Castro da Frouxeira. 

 

Por iso en 2006 a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) presentou a correspondente denuncia perante o concello de Valdoviño, a Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Seprona. “Como resultado conseguimos, a pesar da oposición da daquela corporación municipal, unha primeira paralización das obras que o promotor tentou reiteradamente ignorar, reiniciándoas en varias ocasións”. 


A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística confirmou as denuncias de Adega, e consecuentemente o concello de Valdoviño tivo en 2009 que declarar nula a licenza. A construtora recorreu en instancia contencioso-administrativa que un xulgado de Ferrol desestimou en 2012, acto que "Construcciones Rías Gallegas SA" recorríu perante o TSXG.
 

Finalmente en decembro de 2017 o TSXG desestima o recurso da construtora e valida as denuncias de ADEGA e a conseguinte suspensión das licenzas acordadas en 2009 polo concello de Valdoviño. Literalmente, o fallo ditamina que a anulación das licenzas ditouse para "tutelar os valores ecolóxicos, naturais, paisaxísticos e do medio ambiente".