O TSXG propón a creación de oito novos xulgados, ningún de violencia de xénero

O presidente do TSXG realizou en xaneiro encontros con xuízas e xuíces das distintas cidades como as de Ourense (na foto).
A carga de traballo da xurisdición laboral ou de cuestións como as cláusulas solo xustifican as prioridades do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza á hora de solicitar novos xulgados. Para este ano non pedirá que se amplíen os de violencia de xénero, se ben saúda que o Goberno poida crealos.

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza comunicou na xornada de onte a súa proposta de creación de xulgados para este ano, que trasladará ao Ministerio de Xustiza unha vez sexa analizada e acordada coa Xunta. Nela inclúese a ampliación dos óganos galegos coa solicitude de cinco novas prazas de maxistrada nas catro Audiencias e oito novos xulgados –tres na Coruña, dous en Lugo, un en Sarria, un en Ourense e un en Vigo–. Trátase, na maior parte dos casos, de xulgados da orde social –con competencia en materia laboral, de primeira instancia –civil, e que atenden asuntos bancarios, como as reclamacións polas cláusulas solo– ou mercantil, mais non se recolle ningunha petición para a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller, a maiores dos dous que operan na actualidade, na Coruña e en Vigo.

Desde o Tribunal Superior de Xustiza indican que esa petición ten outra canle de solicitude e que a súa proposta está baseada, principalmente, na entrada de asuntos que se rexistran nestes órganos, é dicir, na carga de traballo numérica, se ben saúdan a creación de máis unidades. 

A creación de tres xulgados especializados, en Ourense, Lugo e Compostela, estaba recollida no acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. "Esperamos que se cumpra e imos traballar para iso, porque nos parecen absolutamente necesarios", sinala o deputado Néstor Rego, para advertir que "a sociedade vai en moitos casos moi por diante do Poder Xudicial, tanto en sensibilización ante problemas existentes como na necesidade de poñer medidas para resolvelos". "Este é un caso paradigmático", considera.

O presidente do alto tribunal galego, José María Gómez e Díaz-Castroverde, xa anticipou o sentido da proposta, durante a rolda de visitas que realizou aos xulgados das cidades galegas o pasado mes de xaneiro para recoller as necesidades. Segundo considerou naqueles encontros, a creación de novos xulgados exclusivos de violencia sobre a muller é "innecesaria" desde o punto de vista organizativo e do "módulo" de entrada de asuntos, a non ser que se contemple "xerar contornos de comarcalización" para a prestación deste servizo. Como apuntou, "os números de por si non son suficientes" para xustificar estas novas unidades nas cidades, onde, de adquirir especialización estrita algún xulgado xa existente, precisaríanse a creación urxente doutros de instrución. 

A ollos do representante do BNG no Congreso, a "necesaria" modificación da lexislación –tamén recollida no acordo co PSOE– para recoñecer como violencia machista os delitos sexuais fará incrementar a carga dos xulgados exclusivos. "Hai que adaptar os sistemas ás necesidades, é cuestión de dereitos humanos, non de números", observa.