Xustiza

O TSXG recoñece a pensión de viuvez a unha muller separada en 1986 por ser vítima de violencia machista

Sede do TSXG na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
Queda probado, a ollos dos xuíces, que a muller "foi obxecto de malos tratos físicos e tamén de inxurias e humillacións".

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de recoñecer o dereito dunha muller, separada en 1986 e divorciada en 1996, a cobrar a pensión de viuvez por ser vítima de violencia machista. O alto tribunal acolle, desta forma, o recurso presentado pola afectada contra unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 3 de Ourense, que desestimou a demanda que interpuxera previamente contra a Seguridade Social.

Os maxistrados explican na resolución que o debate radica, fundamentalmente, en determinar se a muller ten dereito á contía íntegra da pensión de viuvez, sen a limitación da pensión compensatoria, por ser vítima de violencia machista ou se, pola contra, non ten ese dereito porque non hai proba de que fose vítima, tal e como se declarou na sentenza de primeira instancia. Neste caso, explica o TSXG no veredicto difundido esta sexta feira, "a pensión compensatoria tense, mais por un importe ínfimo de 70 euros, e o que se pide é a pensión de viuvez íntegra por ser a demandante vítima de violencia de xénero".

Argumentos do tribunal

No auto precísase que o lexislador "non exixe que a condición de vítima de violencia de xénero estea acreditada a través de proba plena e mediante sentenza", pois, recalcan, "tamén lle valen medios concretos que non son expresivos da proba inequívoca de tal circunstancia, pois a norma fala de calquera outro medio de proba admitido en Dereito".

Desta forma, inciden en que, segundo a doutrina xurisprudencial, para aplicar a nova reforma da Lei Xeral da Seguridade Social, aos efectos da concesión das pensións de viuvez como a solicitada, "non é necesario que exista unha sentenza na que se conteña unha condena por delito de violencia de xénero", dado que a norma permite que, na súa ausencia, poida manifestarse esa situación a través da orde de protección ditada ao seu favor ou dun informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero, "así como por calquera outro medio de proba admitido en dereito", engaden.

"No caso de autos, entendemos que quedou probado que a actora foi vítima de violencia de xénero de forma, ademais, reiterada, e non hai dúbida de que o foi ao tempo da separación, tal como exixe a norma, co cal se dan todos os requisitos legalmente exixidos", conclúe o alto tribunal galego.

Na sentenza sinala tamén que, "aínda que é certo que a sentenza de separación só fala de 'graves e reiteradas desavinzas conxugais', con todo, dun pormenorizado exame da proba que se practicou no momento da separación, obsérvase que a demandante foi obxecto de malos tratos físicos e tamén de inxurias e humillacións".

"Sendo vista 'cos beizos rotos' e 'coa cara amoratada', dándose tamén un actuar violento por parte do aquí causante [o agresor], falecido en 2020, que o levou a destruír obxectos e móbeis da vivenda, presenciando algún veciño os malos tratos físicos causados á recorrente", cita, entre outros argumentos.