TSXG obriga a estender a carreira profesional aos colectivos inicialmente excluídos no decreto do Sergas

Luz Fdez, Ángel Cameselle, Emilia Lamas.

CCOO afirma que isto beneficia vinte mil traballadoras e traballadores da sanidade pública.

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galiza anuncias que vén de lograr “que máis de vinte mil traballadoras e traballadores da sanidade pública sexan incluídos na carreira profesional do Sergas e das entidades adscritas á Consellaría de Sanidade”. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), explica, deulle a razón ao sindicato e considera que a dita carreira “forma parte das condicións de traballo, polo que non pode haber discriminación ningunha”.

Nunha conferencia de prensa, a secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, o seu antecesor, Ángel Cameselle, e a secretaria de Organización da Federación, Luz Fernández, explicaron que a carreira profesional do Sergas parte dun acordo logrado o 29 de outubro de 2017, no que a Administración se comprometía a negociar esta demanda como parte das esixencias sindicais para desconvocar a folga que estaba prevista no ámbito sanitario.

A secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, lembrou que “a acta do acordo recolle que a carreira profesional sería para todo o persoal”. Porén, o pacto entre a Consellaría de Sanidade e os sindicatos CIG, UGT, CSIF, SATSE e CESM, “deixaba fóra a numerosos colectivos, máis de vinte mil persoas”, afirman desde Comisións.

CCOO-Sanidade iniciou o ano pasado a vía xurídica. O TSXG admitiu a trámite en decembro a demanda presentada polos servizos xurídicos do sindicato e agora, un ano despois, coñécese a sentenza.

A sentenza do TSXG, explica Comisións, deixa sen efectos tres puntos da carreira profesional do Sergas. En primeiro lugar, anula o grao inicial da carreira, que carecía de melloras económicas. Tamén anula a restrición de participación exclusiva do persoal fixo no réxime transitorio e excepcional; deste xeito, poderá participar todo o persoal que cumpra o requisito de tempo traballado, sexa cal for o seu vínculo coa Administración. Finalmente, anula o requisito de ter obtido a condición de traballadora ou traballador fixo antes do 31 de decembro de 2011 para poder participar na convocatoria do ano 2020.

Unha vez que se execute a sentenza —sexa por vontade da Administración ou tras unha nova sentenza do Tribunal Supremo que ratifique a actual—, os efectos laborais e económicos aplicaranse retroactivamente desde o 1 de xaneiro de 2019 para todo o persoal excluído.